ConcellosÚltima hora

Atopan os restos dunha muller con signos de violencia no lugar onde se buscaba á “Pasionaria de Viana”

Un equipo multidisciplinar da USC e do Imelga realizaba unha exhumación os días 29 e 30 de abril no cemiterio de Castro (Viana do Bolo), seguindo as indicacións aportadas por un veciño de Pixeiros

Foto cedida por Fernando Serrulla.

 

Cun resultado aparentemente positivo remataba o 30 de abril o segundo intento para localizar os restos de Anunciación Casado Atanes, coñecida como “a Pasionaria de Viana”, que era asinada con 39 anos no lugar das Revendeitas, na estrada de Viana do Bolo á Gudiña, en agosto de 1936. Case sete meses despois dos traballos da primeira exhumación infructuosa, un equipo multidisciplinar, formado pola Universidade de Santiago e polo Instituto Legal de Galicia (Imelga), realizaba unha segunda tentativa seguindo o testemuño dun veciño de Pixeiros (Viana do Bolo), que aseguraba saber o lugar exacto onde fora sepultada no cemiterio de Castro.

“Contounos que o seu avó e o seu pai toda a vida lle dixeron onde estaba enterrada a comunista e el mesmo lembra, sendo neno, ver incluso o montón de terra que sobresaía nese punto do cemiterio. Entón íamos a un sitio moi concreto e xusto aí atopamos os restos dunha muller da idade compatible con Anuncia e con signos de violencia, polo tanto, moi probablemente demos con ela”, sinala o antropólogo forense Fernando Serrulla, membro do equipo.

Unha das singularidades do achádego é que os restos estaban dentro dun ataúde, algo nada usual nos enterramentos de represaliados. “Normalmente, se aparecen nunha cuneta, os veciños do pobo recóllenos como poden e entérranos, pero neste caso, ademais tiñamos a referencia de que Anuncia tiña sido recollida cunha manta e tamén de que ela morreu o día 21, pero o xulgado non apareceu por alí ata o día 26. Por outra banda, o achádego do cadáver foille comunicado ao seu irmán Juan, que era comerciante en Verín e tiña medios económicos. Sabemos que el estivo movéndose moito para enterrar a súa irmá, polo que non sería estraño que mercara un cadaleito”, comenta Serrulla, matizando que “todo iso son suposicións. Ata que non confirmemos que é ela, non podemos asegurar que a atopamos, pero a impresión dende o punto de vista histórico e antropolóxico é que si a localizamos”.

Esa confirmación virá a través dos resultados do estudo antropolóxico e xenético dos restos, que poderían coñecerse dentro duns meses. O equipo conta cunha mostra de ADN do fillo de Anunciación, Wladimiro, que reside en Santander e que confía en que realmente se teña atopado a súa mai. “Durante varios meses realizamos investigacións para dar co seu paradeiro, contactei co el, fun ata Santander e, despois dunha conversa, tomeille a mostra de ADN coa intención de que ao ano seguinte puideramos facer a exhumación, e así foi”, explica Fernando Serrulla.

Esta exhumación na procura dos restos da “Pasionaria de Viana” forma parte do Plan Cuatrienal de Exhumacións instaurado pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática. Dentro del están previstas outras catro intervencións este ano en Galicia: dúas en Pontevedra, unha en Santiago e outra en Ferrol.

Artigos relacionados

Back to top button