En portadaÚltima horaVídeos

Exitosa III Andaina e Trail San Xil de Casaio, con podio do valdeorrés Alejo Ares

Esta cita deportiva, que se desenvolvía esta mañá polo entorno de Pena Trevinca, reunía a uns 300 participantes galegos e de fóra da comunidade

 

A Andaina e Trail San Xil de Casaio (Carballeda de Valdeorras) vén de finalizar neste 12 de maio unha exitosa terceira edición, marcada tamén pola elevada participación, moita dela de fóra de Galicia, de comunidades como Castela e León e Asturias. Uns 300 deportistas tomaban a saída ás 9h. e ás 9:30h. dende a praza de Casaio nalgunha das catro modalidades deste ano: dous trails (un de 31,5 km de 1.700 m de desnivel positivo e outro de 20 km con 1.100 m de desnivel positivo ) e outras tantas andainas (unha de 16 km e 850 m positivos de desnivel e outra de 20 km e 1.100 m positivos). A metade dos participantes facía un trail e a outra metade, andainas.

A proba discorría sen incidencia, seguindo uns trazados polo entorno de Pena Trevinca, con espectadores vistas, e similares aos da pasada edición, agás no trail longo. Nesta ocasión pasaba pola parte da mina de volframio dos alemáns, en Valborraz. A organización da proba esaba en mans da CMVMC da Serra de Casaio e Lardeira e de Rutas Xanzá, coa colaboración de 6 agrupacións de voluntarios de Protección Civil do oriente ourensán.

 

 

A cita remataba coa entrega de trofeos aos primeiros clasificados nos trails. No curto impoñíase o valdeorrés Alejo Ares cun rexistro de 01:46:53, sendo segundo Jorge Domínguez (ambos independentes) e terceiro José Manuel Pérez (Running Sport Trail). En categoría feminina, a primeira era Cris Rodríguez (Running Sport Trail), cun tempo de 02:39:14, entrando despois Noelia González (Atletismo Arenteiro) e Marisa Moreno (Club Box 001 Ourense-Run Maniak).

Xa no Trail Longo, o ganador era Xenso Laso (Kospore Arenteiro Trail), cun tempo de 03:17:19, mentres que en segunda posición situábase Abel Franco (Running Sport Trail) e na terceira Luis García (Cueto del Oso). A primeira muller en completar o trazado era Rita Fernández (ASESOU), cun crono de 03:52:19, seguida de Antía Goberna do mesmo club e da independente Belén Rodríguez.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button