
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras clausuraba neste 21 de novembro a V Xornada de Investigación Biomédica, celebrada durante dous días no Centro Cultural Marcos Valcárcel da capital da provincia, consolidando este encontro como un espazo de referencia para compartir coñecementos, dar visibilidade á actividade científica dos profesionais sanitarios e promover novas liñas de investigación orientadas a mellorar a atención e a calidade de vida dos pacientes.
A quinta edición destas xornadas permitiu coñecer a diversidade e o potencial investigador da área sanitaria ourensá, cun amplo abano de proxectos desenvolvidos desde diferentes servizos hospitalarios e centros de atención primaria, que abranguen ámbitos como a oncoloxía, as neurociencias, a medicina intensiva, a saúde mental, a pneumoloxía, a enfermaría ou a innovación tecnolóxica.
O encontro puxo tamén de manifesto a importancia de incorporar a investigación á actividade asistencial diaria, favorecendo a colaboración entre profesionais, a formación de novos investigadores e a aplicación práctica dos avances científicos. Unha liña de traballo que se enmarca no Plan Director de Investigación e Innovación 2026-2030 da área sanitaria.
Dous recoñecementos á investigación
A xornada concluía coa entrega de dous diplomas de recoñecemento, concedidos polo comité científico a traballos que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento de novas ferramentas diagnósticas e á aplicación de tecnoloxías avanzadas na medicina.
O recoñecemento na categoría de Resultado de Investigación foi para Pedro Dávila Piñón, polo traballo sobre o efecto da detección asistida por ordenador (CADe) nas colonoscopias de vixilancia, segundo a taxa basal de detección de adenomas, unha análise posterior do estudo ACCEPT. Esta investigación aborda a utilidade das novas ferramentas tecnolóxicas para mellorar a detección de lesións precancerosas e avanzar na prevención do cancro colorrectal.
Pola súa banda, Noel Pin Vieito recibiu o recoñecemento na categoría de Proxecto de Investigación por unha proposta baseada na intelixencia artificial para elaborar un modelo preditivo do carcinoma hepatocelular en pacientes con fígado graxo asociado a disfunción metabólica. Trátase dun estudo poboacional retrospectivo que busca avanzar na identificación de pacientes con maior risco de desenvolver este tipo de cancro hepático.

Ambos os recoñecementos poñen en valor a aposta dos profesionais sanitarios pola investigación clínica, a prevención e o desenvolvemento de ferramentas que permitan avanzar cara a unha medicina cada vez máis precisa e personalizada.
O envellecemento saudable e a investigación en enfermaría, protagonistas do sábado
A segunda e última xornada comezou coa presentación dos resultados de diferentes proxectos de investigación desenvolvidos na área sanitaria, relacionados, entre outros ámbitos, coa oncoloxía, o cribado do cancro colorrectal, a insuficiencia cardíaca e os hábitos de vida e a saúde da poboación.
Posteriormente, José María Faílde Garrido, profesor da Universidade de Vigo, xerontólogo e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, impartiu unha conferencia dedicada á investigación en lonxevidade e envellecemento saudable, un ámbito de especial interese nun territorio como Ourense, caracterizado polo progresivo envellecemento da súa poboación.
A mañá continuou cunha mesa redonda sobre o impacto da investigación na práctica dos coidados, moderada por Rebeca Gómez Espinosa, supervisora da Área de Calidade, na que participaron Josefa Rodríguez Araujo, directora de Enfermaría da área sanitaria; Ángel Alfredo Martínez Ques, vicepresidente segundo da Academia de Enfermaría de Galicia; e María Jesús Núñez Iglesias, coordinadora do Mestrado Universitario en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados da Universidade de Santiago de Compostela.
Esta sesión completouse coa presentación de experiencias prácticas sobre programas de saúde comunitaria, innovación nos coidados cirúrxicos, prevención da fraxilidade nas persoas maiores e o valor da investigación na actividade diaria de enfermaría.

Un impulso á cultura investigadora da área sanitaria
Ao longo das dúas xornadas, os profesionais tiveron tamén a oportunidade de compartir experiencias arredor da intelixencia artificial, os novos proxectos competitivos, a investigación en atención primaria e os retos da saúde familiar e comunitaria.
A celebración desta quinta edición reforza o compromiso da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras coa promoción da investigación e da innovación como ferramentas fundamentais para avanzar na calidade asistencial, favorecer a colaboración entre servizos e trasladar os resultados científicos á práctica clínica.
A entrega dos recoñecementos e a clausura oficial puxeron o punto final a dúas xornadas dedicadas a visibilizar o traballo investigador dos profesionais sanitarios e a seguir construíndo unha sanidade pública na que a asistencia, a docencia e a investigación avancen da man.