En novembro de 2023 Dragón Blanco, produción nacional con artes marciais en formato de curtametraxe, rodada en Madris e en diferentes localidades da comarca de Valdeorras, estreábase no Festival Internacional de Cine de Granada no que levaba o Lorca á mellor curtametraxe nacional.
Seis meses despois, a peza con selo valdeorrés vén de gañar outros dous premios, tamén á mellor curtametraxe nacional e á mellor fotografía no Internacional Toledo Action Film Festival.
Segundo Iván E. Fernández Fojón, presidente do xurado do TACFEST e crítico de Cine da revista Acción, trátase dun proxecto que inclúe “acción, humor, un bo guion cheo de personaxes moi interesantes e todo ben desenvolto nos seus vinte minutos de duración. Moito máis que unha curta de artes marciais xa que toca outros xéneros como o cinema negro, e sabe combinar o que lles gusta aos seus directores, David Santamaría e Rodrigo Marini, é dicir, o cinema de Tarantino, Guy Ritchie ou Danny Boyle, pero imprimíndolle as súas propias personalidades”.
O autor da historia orixinal e coprodutor, Rodrigo Marini é realizador e director de cine arxentino cunha forte vinculación con Valdeorras, especialmente co Barco onde residen os seus pais e vila que visita regularmente malia vivir e traballar en Madrid.




