En portadaÚltima horaVídeos

A VII Andaina e Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín, en imaxes

A organización agradece a excelente resposta e a gran participación desta proba benéfica

 

Moi agracecida pola gran resposta desta VII Andaina e Carreira das Cidades de Vilamartín se amosaba a organización desta proba benéfica, con case mil inscritos. “É unha alegría cando a xente responde así, ademais todos os anos con ese obxectivo principal que é recadar fondos para o cancro de páncreas”, sinalaba Eva Iglesias, unha das organizadoras. Á súa beira, Jose López, responsable do percorrido, incidía en que estaban abrumados co apoio “é moi difícil xuntar a tal número de persoas nunha proba, vemos que a xente se volca ano tras ano. O recadado é moito porque falamos dunha localidade moi pequena e a xente todos os anos responde”.

 

 

A proba iniciábase ás 10h. coa saída da carreira e da andaina longa e, media hora despois, iniciaban o traxecto os participantes da andaina curta. O percorrido remataba no pavillón de Vilamartín, onde se ofrecía un xantar aos asistentes.

 

 

A cita vilamartinesa volvía  reunir a case 1.000 persoas, para celebrar a esperanza de cambiar os datos desta enfermidade.  Cristina Sandin, presidenta da Asociación Cancro de Páncreas e Enrique de Madaria gastroenterólogo do Hospital Xeral Universitario Dr. Balmis, daban o pistoletazo de saída. Facíano acompañados das fundadoras de Acapaval: Eva Iglesias, Belén Gómez e Patricia Iglesias.

Este ano celébrase a décima edición da Carreira das Cidades e o lema é “10 anos movidos pola esperanza”. Unha esperanza en avances nos tratamentos, diagnósticos e calidade de vida dos pacientes, unha esperanza en atopar novas vías de investigación, esperanza en seguir en seguir conseguindo fondos para poder avanzar, e un longo etcétera.

 

 

“En 2024 estímase que case 10.000 persoas serán diagnosticadas de Cancro de Páncreas en España un 8% máis que en 2023. O 92% dos pacientes non sobreviven máis 5 anos tras o seu diagnóstico, cos tratamentos que dispoñemos na actualidade. Hai 10 anos eran do 97%. O cancro de páncreas é o único tumor maligno cuxa mortalidade aumentou nos últimos anos, en ambos os sexos e segue sendo o 9º en incidencia e a 3ª causa de morte por cancro en España. En 2024 este tipo de cancro aumentaba en incidencia, do 9º posto en 2023 ao 8º. E é a 3ª causa de morte por cancro en España (7.973 persoas falecidas en 2022). Tomando como referencia o cancro de mama que é o 1º en incidencia (ao que máis persoas afecta), pero ten menos mortalidade (6.754 persoas falecidas en 2022)”, din os organizadores da proba.

A Carrera das Cidades contra o cancro de páncreas, é unha actividade solidaria para concienciar á sociedade da importancia deste tipo de cancro e para conseguir fondos para seguir investigando contra a enfermidade. Todo o recadado a través das inscricións irá integramente destinado a investigación. Más de 1 millón de euros destinados á investigación en Cancro de Páncreas porque a máis investigación máis esperanza de vida.

 

 

A Bolsa Carmen Delgado/Miguel Pérez Mateo destinada a proxectos de investigación de novas vías de diagnóstico e tratamento desta enfermidade é o resultado da solidariedade de miles de españois que participan no evento deportivo da Carreira das Cidades Contra o Cancro de Páncreas e de iniciativas e doazóns realizadas por particulares e empresas.

Está promovida por ACANPAN (Asociación de Cancro de Páncreas), AESPANC (Asociación Española de Pancreatología) e AEG (Asociación Española de Gastroentereologia) e organizada por unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito comarcal ACAPAVAL (Asociación Cancro de Páncreas de Valdeorras), coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Delegación Valdeorresa de Atletismo, José López (“Parra”), Concello de Vilamartín, apoio da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e a Deputación de Ourense.

 

 

Calendario da Carreira das Cidades en España:

✔ 17 de novembro (Valencia) ✔ 24 de novembro (Madrid e Alacante) ✔ Virtual do 11 ao 24 de novembro ✔ 1 decembro (Estepona e Tarragona).

Fotos: O SIL.

Vídeos: O SIL e cedidos.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button