ConcellosQuirogaÚltima hora

A vila de Quiroga estrea papeleiras con dispensador de bolsas para os excrementos das mascotas

Foto: Concello de Quiroga.

 

A área de Medio Ambiente do Concello de Quiroga vén de de colocar na vila quiroguesa unhas papeleiras con dispensador de bolsas para recoller os excrementos das mascotas. En total colocáronse catro destes contedores: no parque da Constitución, nas inmediacións do Auditorio Municipal e nas rúas Ramón y Cajal e Courel, por ser os puntos máis habituais de paseo de mascotas, segundo a información do Concello, que con esta iniciativa busca “concienciar e recordarlle aos propietarios dos animais que deben recoller os excrementos nas vías e espazos públicos”.

Así mesmo, o Concello de Quiroga lembra que os excrementos dos animais de compañía “depositados na vía pública constitúen un grave problema. A súa presenza nas nosas rúas representan un risco importante para a integridade física dos cidadáns, xa que poden ocasionar caídas por esvarar, constituíndo ademais un perigo potencial de contaxio de enfermidades graves, especialmente para os máis pequenos. A non recollida inmediata destes excrementos será sancionada con multas de ata 500 € segundo o establecido na Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, que no seu artigo 26 apartado e di que os titulares ou persoas que convivan con animais de compañía teñen a obrigación de evitar que los animais depositen os seus excrementos e ouriños en lugares de paso habitual doutras persoas, como fachadas, portas ou entradas a establecementos, procedendo en todo caso á retirada ou limpeza daqueles con produtos biodegradables”. Dende o concello de Quiroga agárdase a colaboración de toda a cidadanía para manter a vila limpa.

Artigos relacionados

Back to top button