EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A “X CatArte” da D.O. Ribeiro ábrese coa cata guiada dos viños de Casal do Canteiro e Adega Pousadoiro

 

O C.R.D.O. Ribeiro iniciou onte a décima edición do ciclo “CatArte” coa presentación conxunta de dúas das súas adegas de colleiteiro en Castrelo de Miño: Casal do Canteiro e Adega Pousadoiro. Jonatán Pousada e Alfredo Fernández eran os encargados de guiar a presentación-cata dos seus viños, un total de cinco referencias entre brancos e tintos, en total sintonía co grupo musical ourensán Los Camachuelos, que aportaba a nota musical en forma de versións desta primeira sesión. O acto, con aforo completo, tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde se sitúa a exposición fotográfica ‘O anxo que nunca fun’ de Manuel Outumuro.

Nesta décima edición continuaron as catas solidarias e toda a recadación da venda de entradas solidarias irá destinada integramente á Asociación AIXIÑA de Ourense. Esta entidade xestiona un Centro Especial de Emprego sen ánimo de lucro para a inserción laboral das persoas con discapacidade, que inclúe a todo o persoal que traballa na Asociación e que lles permite dar continuidade aos diferentes programas, actividades e servizos. Xeran valor ao ofrecer un proxecto diferente que ofrece calidade, compromiso e profesionalidade na prestación dos servizos. Hoxe é unha realidade socialmente responsable e un referente na creación de emprego para persoas con discapacidade e na busca de alternativas e novos proxectos dende unha concepción global, interdisciplinar e innovadora que entende a diversidade e a igualdade de oportunidades como un factor de cambio social e participación das persoas con discapacidade.

Viño e arte

O ciclo celébrase durante tres días no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, os xoves do 14 ao 28 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con actuacións musicais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por día, e as entradas solidarias, cun custo de 5€ por persoa, véndense a través da plataforma en liña “Entradium”.

O xoves 21 de novembro será o momento da cata de Bodegas Cunqueiro coa cata dos seus viños máis representativos, acompañada da música de Perrito Piloto. E para rematar esta décima edición, o broche final será o xoves 28 de novembro da man de Bodega Alanís, que fará unha cata de tres dos seus viños en sintonía gastronómica xunto coa actuación musical de En Mala Hora.

Back to top button