
As persoas que utilicen os autobuses urbanos da Coruña nestes días estanse a atopar coa imaxe promocional da X Festa Botelo do Barco na Coruña, prevista para o 8 de febreiro no Hotel Finisterre. Este é un novo xesto de apoio á súa terra natal do empresario José Antonio Prada Muradás, presidente da Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A.
Dende A Coruña, cidade na que reside e desenvolve o seu labor profesional dende hai anos, continúa mantendo os vínculos coa súa terra de orixe, e mostra disto é que foi pregoeiro das pasadas Festas do Cristo do Barco. Sempre que pode colabora coa súa terra permitindo, como é neste caso, que os seus autobuses participen en campañas promocionais de Valdeorras. “Colaborei e penso seguir colaborando, síntome agradecido de nacer no Barco, de ter amigos e de poder desfrutalo”, declaraba ao Periódico O SIL José Antonio Prada Muradás o pasado setembro.