En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A XII Festa da Vendima de Punxeiro (Viana) escorrenta á chuvia e congrega a unhas 1.500 persoas

O estilista e deseñador vianés Jorge Álvarez abría a celebración na tarde do 13 de outubro cun pregón no que daba á benvida aos participantes e convidaba a desfrutar desta celebración popular

 

O son das charangas nunha praza de Punxeiro abarrotada marcaba o inicio da XII Festa da Vendima desta localidade do concello de Viana do Bolo arredor das oito da tarde do sábado 13 de outubro. Comezaba Fuego, seguía Achicoría e finalmente Pándega, abrindo musicalmente o acto do pregón desta celebración popular que promove a Comisión de Festas de Punxeiro coa colaboración do Centro de Animación desta poboación.

 

O deseñador, estilista e modelo vianés Jorge Álvarez, conversando co Periódico O Sil minutos antes do inicio do pregón./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O pregoeiro desta edición era o estilista e deseñador vianés Jorge Álvarez, ganador neste ano do primeiro premio do Concurso de Xoves Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas. Na súa intervención daba á benvida aos asistentes e amosaba o seu orgullo por abrir unha festa, á que “levo vindo nove anos” e da que sempre desexou ser pregoeiro. Por iso agradecía o feito de que a organización contase con el neste acto. “A festa empezou hai doce anos, congregando xa a centos de persoas e, ano tras ano, a xente de Punxeiro agasállanos co viño e cos seus mellores pinchos, sempre amenizada con charangas que nos fan desfrutar e crean un ambiente acolledor”. Tamén apuntaba que esta ruta constitúe para el un “referente no camiño que empecei no mundo da moda e, igual que acontece con esta celebración, espero ano tras ano lograr máis éxitos”.

Recoñecemento ao Periódico O Sil polo seu labor

De seguido, a organización entregaba unha serie de recoñecementos. O primeiro deles ao pregoeiro e, seguidamente, ao Periódico O Sil “porque é seguramente o único medio de comunicación que visita cada pequena alde, cada pequena festa, de forma desinteresada. O equipo de O Sil intenta todos os meses sacar un xornal, seguramente con moi poucos cartos, e por iso este recoñecemento por parte da nosa festa”, dicía Jorge Domínguez dende a comisión. Tamén se distinguía pola súa colaboración coa festa a un veciño de Punxeiro, a Jerónimo “O Minas”, que recollían no seu nome xa que estaba moi atarefado cos preparativos no pote.

 

Público na praza de Punxeiro durante o pregón./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ademais a organización agradecía o apoio das persoas asistentes á festa, “vos coa vosa entrada sodes os principais aportadores para que iso funcione, xunto cos veciños de Punxeiro e os negocios de Viana e das zonas próximas que aportan os seus anuncios, xa que seguimos tendo moi pouco apoio institucional”.

A partir de aí soaban de novo as charangas e cada unha delas dirixíase ás tres primeiras adegas que abrían as súas portas, mentres escorrentaban coa súa música a ameaza de chuvia durante o percorrido festivo. As cuncas dos participantes comezaban a encherse de viño branco ou tinto, mentres saían bandexas de multitude de variados e saborosos petiscos salgados (empanada, ovos cocidos, entremés, orella, mexillóns en salsa…) e doces, como as torrexas.

Unha vez pechaban as tres primeiras adegas, a ruta continuaba coas tres seguinte e así ata completar o percorrido da vintena delas que participaban nesta edición. Despois en torno as once e media o ceo enchíase de fogos de cores e os participantes dirixíanse cara o campo da festa, onde había xa unha carpa montada e actuaban os grupos: Nebraska e América. Alí, xa de madrugaba comezaba a chover, mentres seguía a celebración.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button