EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

A XIII Feira do Viño de Monterrei abre as súas portas

O certame, no que participan 16 adegas, inaugurábase na tarde do 10 de agosto na Alameda de Verín cun pregón a cargo de Castor Gago Álvarez

Cunha homenaxe aos viticultores e adegueiros comezaba o acto inaugural da XIII Feira do Viño de Monterrei, na tarde do 10 de agosto na Alameda de Verín, onde poderán degustarse ata a noite do 12 de agosto os viños de 16 adegas desta denominación de orixe. Nesa homenaxe centraba a súa intervención á presidenta do Consello Regulador desta denominación de orixe ourensá, Lara Da Silva, que abría o turno de intervencións. Deseguido, tomaba a palabra o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen destacaba a importancia da feira como escaparate dos viños de Monterrei e incidía na importancia de seguir buscando para a zona, de cara ao futuro, “recursos cun alto valor engadido”.

Ademais tomaba a palabra o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cuxo discurso xiraba en torno a tres ideas “vencelladas á provincia e á comarca: creativiade, traballo e a nosa condición de pobo emigrante”; e seguidamente a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Vázquez resaltaba o papel impulsor que nesta denominación desempeñan os viticultores e os adegueiros. Comentaba ademais a necesidade de incrementar os dereitos de plantación, indicando que “esa vai ser a nosa loita” e aludía á incorporación dos mozos ao rural galego.

Despois, procedíase á lectura do pregón, que nesta ocasión corría a cargo de Castor Gago Álvarez, xefe de Extensión Agraria en Verín e considerado un dos maiores impulsores da D.O. Monterrei, quen facía un repaso pola xénese e evolución desta denominación dende as súas vivencias e rendéndolle tamén un “recoñecemento agarimoso e emocionado aos meus mestres no viño”, entre os que citaba ao valdeorrés Horacio Fernández.

A continuación soaba a música da Banda de gaitas de Verín e autoridades e asistentes comezaban a visitar as 16 casetas das adegas (Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer (Boo Rivero), Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Tapias Mariñán, Pazo de Valdeconde, Quinta do Buble, Quinta Soutullo (Fausto Rivero), Terras do Cigarrón, Trasdovento, Triay, Valderello e Vía Arxéntea) para probar os seus brancos e tintos. Tamén había expositores coas augas de Verín e de diferentes produtos gastronómicos para acompañar os viños.

Nomeamento de catro novos membros na Confraría dos Viños de Monterrei

Tras o percorrido pola feira, dábase paso na Igrexa da Mercé a catro novos membros da Confaría dos Viños de Monterrei: Xosé Carlos Caneiro Pérez (escritor, colaborador de medios de comunicación e pregoeiro da feira en tres edicións), Diego Lourenzo Moura (tenente de alcalde de Verín), Marco Rocha Campos (xornalista) e Mario Teixeira González (viticultor da denominación falecido en maio, neste caso entrégase a título póstumo).

 

Homenaxeados tras o acto celebrado na igrexa da Mercé./ Foto: Concello de Verín.

 

Ao longo deste acto, entregouse tamén unha Medalla de Ouro, a título póstumo, a Ernesto Atanes Payo (cofundador da adega Crego e Monaguillo), que o ano pasado non puido ser recollida por petición expresa da familia ao ser moi recente o falecemento. Este recoñecemento, xunto coas Medallas de Ouro a título póstumo entregadas o pasado ano (a Manuel Blanco Núñez -cofundador da adega Pazo Blanco Núñez – Tapias Mariñán e José Luis Vaz Vilela -fundador da adega Ladairo-), recoñecen o labor dos mesmos na promoción dos viños de Monterrei nas últimas décadas.

Así mesmo, e con motivo do 25 aniversario da Denominación de Orixe Monterrei, efectuouse unha homenaxe aos confrades José Luis Hernáez Mañas e Castor Gago Álvarez, que nesta edición tamén foi o pregoeiro, por ser uns dos grandes impulsores da creación da denominación, elaboración e aprobación dos estatutos e o primeiro regulamento que rexe a mesma.

O programa da feira continuará ao longo do 11 e 12 de agosto coas degustacións de viño así como con diversas actuacións e outras actividades.

 

Máis información: edición en papel do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button