Chandrexa de QueixaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

A XIII Festa do Cordeiro de Chandrexa congrega a unhas 1.100 persoas

 

Chandrexa de Queixa celebraba cunha destacada participación a 13ª edición da súa Festa do Cordeiro neste sábado 31 de agosto en Celeiros. O programa comezaba cunha degustación gratuíta de cordeiro ao espeto ás 12:30h. Despois o mediodía animábase cunha sesión vermú co dúo Xilo e Carlos, como antesala musical do xantar popular da festa, que comezaba a servirse ás 14:30h. Había tres zonas habilitadas para a comida (dúas carpas e o pavillón), servida por Mantesil.

 

 

Unhas 1.100 persoas reuníanse arredor da mesa para desfrutar dun menú a base de empanada de iscos, pementos, cordeiro ao forno, bica, viño, café e licores. O custe da entrada era de 17 euros para os adultos e de 8 euros (de 6 a 12 anos). Ademais durante a mañá o ambiente estaba animado pola Charanga Nova de Trives.

 

 

Entre os asistentes a esta celebración estaban o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, e o deputado provincial Representación Institucional, Rosendo Fernández; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; así como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, xunto a outros rexedores de municipios como Manzaneda, San Xoán de Río, Castro Caldelas ou Montederramo.

 

 

 

 

A festa continuaba pola tarde, dende as 18:30h., co dúo Xilo e Carlos e a orquestra Gran Parada. E ás 20:30h. haberá unha gran pancetada, seguida de verbena a cargo da disco móbil Space e da orquestra Gran Parada.

Fotos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button