ConcellosÚltima horaViana do Bolo

A xogadora quiroguesa Carolina Camino Fernández visita o IES Carlos Casares de Viana do Bolo

 

Na mañá deste luns 19 de xuño o alumnado de ESO, Bacharelato e FP Básica do IES Carlos Casares de Viana do Bolo tiña a oportunidade de compartir unha xornada cunha deportista de alto rendemento, a quiroguesa Carolina Camino Fernández, xogadora da selección española de Voleibol na categoria absoluta feminina e, actualmente, xogadora do Arenal Emevé de Lugo.

A actividade, organizada polo Departamento de Educación Física e polo equipo de novas tecnoloxías do instituto, comezou cun encontro que permitiu que o alumnado, actuando de xornalista, lle fixese unha entrevista á xogadora, no decurso da cal se interesaron pola súa carreira deportiva, as relacións entre xogadoras e adestradores, as renuncias persoais que unha deportista de élite ten que facer, e as dificultades de mellorar nun deporte no ámbito rural.

Logo, durante máis dunha hora, o alumnado puido xogar cunha deportista que en semanas estará xogando cos mellores equipos de Europa. “En palabras do alumnado e de Carolina, foi unha mañá divertida e enriquecedora para todos e todas. E, dende logo, para os estudantes foi unha experiencia que moitas veces non resulta doada de levar á practica”, resalta o director do IES Carlos Casares de Viana, Carlos Ferreiro.

O pasado mes de marzo, o IES Carlos Casares xa fora invitado pola presidenta do Arenal Emevé, Bibí Bouza, a asistir a un partido da Liga Iberdrola na cidade de Lugo, promovendo no alumnado a práctica do deporte e ocio activo, tal e como lembran dende o centro.

Artigos relacionados

Back to top button