A xornada “Unha nova economía para a aldea do século XXI”, celebrada o 31 de outubro en San Xoán de Río, resultaba “un éxito de participación e contido, reunindo a máis de 50 persoas chegadas de diferentes puntos das provincias de Ourense e Lugo”, tal e como sinala a organizaci´no.
O acto inaugural tiña lugar na igrexa de Río coa participación do alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, xunto con Rosendo Fernández, presidente do Inorde, e José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega. Durante a primeira parte da xornada destacaron as intervencións de dous expertos de referencia: Jaime Izquierdo Vallina, da Universidade de La Laguna, quen afondou nas claves para unha nova economía na aldea do século XXI; e Inés Santé Riveira, directora do Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, que presentou a Estratexia europea sobre aldeas intelixentes (Smart Villages).

Tras un café de intercambio, celebrouse no Salón de Plenos do Concello unha mesa redonda moderada por José Manuel Andrade, que reuniu aos representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Ourense e Lugo.
O alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, destacou que nesta xornada “avanzamos na creación dun modelo económico de aldea para San Xoán de Río, no que se poida vivir na aldea e da aldea, apostando a través da innovación por unha nova ruralidade”.

Este foro deixou patente o “interese crecente por repensar o futuro das aldeas galegas dende unha perspectiva contemporánea, combinando tradición, sustentabilidade e innovación, e consolidando a San Xoán de Río como un referente de reflexión e acción no rural galego”, conclúen os seus promotores.
Fotos cedidas.
