
O curso 2026/2027 vén de arrancar en Galicia o 9 de setembro con 298.436 alumnos de Infantil a Bacharelato, 4.617 menos que o anterior e 22.500 menos que hai unha década. Pese a este contexto de descenso de alumnado derivado da caída da natalidade, o acordo de mellora do sistema educativo asinado en 2023 cos sindicatos CCOO, ANPE e UGT, ao que despois se sumou CSIF, permitiu manter xa 800 aulas, evitando o seu peche ou favorecendo desdobres.
En referencia a este acordo, ao que se sumaron novidades neste 2026, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez salientaba na presentación das novidades deste novo curso e das súas cifras, que nos dous últimos cursos se desenvolveu “a maior modernización e mellora da educación en Galicia dos últimos 30 anos”, e que se continúa, “coa mente posta en afianzar os piares da nosa educación no presente e tamén no futuro”. Moitas das medidas “abriron camiño e crearon escola e están a ser imitadas noutras comunidades autónomas e mesmo a nivel nacional”, indicou. “Seguiremos por este camiño, achegando certezas, fiabilidade e avances á nosa educación, froito da colaboración de toda a comunidade educativa”, afirmou.
No que atinxe aos datos de matrícula, por etapas, a maior caída prodúcese en Primaria, con 2.600 alumnos menos; seguida de Infantil (981 menos), ESO (854 menos) e Bacharelato (459 menos). Só Educación Especial conta con 47 alumnos máis.

A comparativa coa situación de hai unha década, respecto do curso 2016/17, reflicte unha caída de 22.500 alumnos nestas etapas, ao tempo que se foi incrementando a presenza de alumnado estranxeiro: do 2,6% daquel ano académico ao preto do 7% actual, o que supón novas necesidades ás que o sistema educativo galego está a dar resposta. É dicir, aínda que a cifra global de alumnado caia, hai máis diversidade nas aulas, que se está atendendo con recursos máis especializados e individualizados.

Redución da ratio en toda a etapa infantil
No que respecta ao número total de aulas, para este curso será de arredor de 12.000, unha cifra moi similar á do ano pasado, con importantes novidades en Infantil, Primaria e Educación Especial, onde medran en 45 grupos. As aulas salvadas son resultado, segundo o conselleiro de Educación, da redución das ratios a 20 alumnos por aula (desde os 25 anteriores) que se completa este curso para toda a etapa de Infantil e comezará a aplicarse no curso 2027/28 en Primaria. Así mesmo, continuarase a aplicación do acordo nos agrupamentos rurais.
“Antes incluso de que se deixen notar estes resultados nas estatísticas anuais do Ministerio, estas reflicten que Galicia é unha das comunidades coas mellores ratios de España en alumnos por aula”, destacou o conselleiro. “Estamos por debaixo da media en todas etapas educativas e en número de alumnos por profesor a ratio galega é a mellor de todo o país: un 9,7 fronte á media nacional de 11,1”, indicou.
Cifra histórica de docentes
De feito, e aínda cos datos definitivos por pechar, Galicia vai contar este curso cunha cifra histórica de docentes, derivado tanto da redución das ratios como do pacto para intensificar as medidas do acordo de mellora do sistema educativo, rubricado neste 2026, a través do que se reconfigura o horario do profesorado de Secundaria para favorecer unha mellor atención a alumnado e familias. Ademais, grazas ás primeiras medidas do novo Plan de impulso á atención á diversidade, súmanse 150 docentes especialistas (en Pedagoxía Terapéutica e orientadores) nesta etapa, polo que hai arredor de 900 profesionais máis en Secundaria.
Román Rodríguez destacou esta ampliación do cadro de profesorado como “un fito do que non existen comparativas similares recentes e que redundará nunha mellora da calidade educativa, nunha mellor atención e blindaxe da igualdade de oportunidades”. Cómpre salientar que nestes primeiros días de curso aínda se poden producir asignacións a maiores de docentes a través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, polo que a cifra total de profesorado aínda non está pechada, pero será unha cifra récord.

Inclusión e equidade como prioridade
No curso que comeza impúlsanse accións novas e consolídanse outras xa en marcha para dar pulo á inclusión na educación, afianzando así a equidade no ensino. Neste sentido, o conselleiro destacou a posta en marcha do Plan de impulso á atención á diversidade, “unha das nosas liñas estratéxicas principais, á que lle damos pulo cunha folla de ruta moi ambiciosa”.
Este plan suporá a incorporación ás aulas en dous anos de 400 especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación, 150 deles xa este curso. Ademais, preto de 200 xa están consolidados en Infantil e Primaria grazas á modificación do acordo de catálogos.
Ademais, neste curso porase en marcha un programa piloto, en colaboración con entidades especializadas de atención á diversidade, para favorecer a aprendizaxe deste alumnado. Para iso, ofreceráselles un apoio máis individualizado, ao tempo que se garante, como máxima principal, a súa inclusión na contorna ordinaria, ámbito no que Galicia leva anos sendo líder a nivel de España: o 94,2% do alumnado con necesidades especiais está integrado en centros ordinarios, case un 10% máis que a media nacional.
Tamén continúan en funcionamento iniciativas como a FP Básica adaptada e nacen outras novas como o programa Cualifica Talento, para loitar contra o abandono especialmente entre a poboación masculina e inmigrante. A través desta iniciativa conseguiuse xa que se matricularan en itinerarios de FP preto de 600 persoas. Así mesmo, estase a tramitar a nova Lei de aprendizaxe permanente para persoas adultas, na que un dos colectivos de interese é, precisamente, a poboación de orixe estranxeira.
Medidas que crean escola
Ademais da redución de ratios, a inclusión e o plurilingüismo, o conselleiro destacou entre as liñas estratéxicas de traballo do seu departamento para o novo curso a aprobación e inicio da aplicación na nova Lei de educación dixital de Galicia, “unha normativa pioneira e inédita a nivel estatal que marcará un antes e un despois no ensino galego e servirá de exemplo para toda España”.
Tamén o impulso definitivo á calidade, innovación e especialización na FP galega, consolidando itinerarios como a FP Básica adaptada, a Básica para adultos ou a FP acelerada, á par que se implantan as dúas novas modalidades lanzadas este 2026/27: os itinerarios integrados para favorecer a permanencia do alumnado no sistema e as dobres titulacións internacionais.
Así mesmo, a boa convivencia escolar seguirá a ser un dos obxectivos prioritarios, en cuxa consecución se traballa xa con 117 municipios adheridos á Rede de concellos contra o acoso escolar. Ademais, porase en funcionamento de xeito inmediato a Oficina de Apoio ao Profesorado para reforzar a súa autoridade no exercicio da docencia.
Os novos auxiliares de conversa chegarán ás aulas a comezos do segundo trimestre grazas ao desenvolvemento dun programa propio desde Galicia ante a falta de seguridade xurídica a nivel estatal.

Apoios ao alumnado e ás familias na volta ao colexio
Ademais, o Goberno autonómico inviste este curso máis de 145 millóns de euros en apoios ao alumnado e ás familias, o que “supón incrementar un 25% o orzamento nos últimos cinco cursos”, a través de axudas para libros, material escolar ou a matrícula universitaria gratuíta que permitiron ampliar en 129.000 o número de beneficiarios, tal e como anunciaba o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nada máis comezar o mes de setembro.
Ao longo dos últimos anos, desde 2022, consolidáronse diferentes convocatorias e puxéronse en marcha novas medidas, moitas delas pioneiras. Na actualidade hai en marcha medio cento de liñas de axudas a familias e estudantado desde a etapa de Infantil ata a Universidade. O investimento para o novo curso supera os 145 millóns de euros para conceder arredor de 422.000 axudas. Isto supón case un 10% máis con respecto ao orzamento do curso anterior e un incremento tamén no número de apoios.

Programa de reforzo
Outra das novidades do curso 2026/27 é o impulso por parte da Xunta de Galicia de novas medidas para a mellora do sistema educativo que inclúen un Programa de reforzo extraescolar, así como un sistema estable de mellora continua do ensino que permita desenvolver plans integrais con propostas específicas, concretas e adaptadas a cada centro. O obxectivo é mellorar os resultados dos alumnos galegos e previr as dificultades de aprendizaxe, apoiando a quen máis o precisa, en aras da igualdade de oportunidades.
O Programa de reforzo educativo extraescolar vai dirixido ao alumnado de 6º curso de Educación Primaria co fin de intensificar a aprendizaxe destes alumnos na transición á etapa de Ensino Secundario Obrigatorio, ESO. Serán os propios centros os que seleccionen os alumnos que máis necesiten fortalecer a adquisición das competencias, especialmente a lectora e a matemática, así como mellorar técnicas de estudo e hábitos de traballo.
De forma paralela, a Consellería de Educación impulsa o deseño dun Sistema galego de mellora educativa integrado e estable que facilitará a identificación de dificultades para que os centros, en colaboración coa Inspección Educativa, poidan desenvolver plans adaptados ás necesidades dos seus alumnos partindo da avaliación e a diagnose.
