OurenseÚltima hora

A Xunta modifica a normativa que regula a actividade cinexética e retoma o plan de xestión do lobo

Ángeles Vázquez di que a caza do lobo en Galicia vai seguir estando prohibida con carácter xeral, pero "poderán autorizarse esperas, batidas ou monterías en casos moi concretos de danos recorrentes á gandaría que poñan en risco as explotacións coa debida xustificación e un control rigoroso por parte da Administración"

 

A Xunta vén de modificar a normativa que regula a actividade cinexética anual en Galicia e volve a aplicar o Plan de xestión do lobo que estivo vixente ata setembro de 2021 unha vez que entrou en vigor a lei estatal pola que as poboacións ao norte do río Douro saen do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en rolda de prensa, onde indicou que a resolución cos correspondentes cambios saíu publicada hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia. Estaba acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

A responsable autonómica remarcou que en Galicia a caza do lobo vai seguir estando prohibida, con carácter xeral, pero os cambios introducidos na resolución pola que se determinan as épocas hábiles para practicar a actividade cinexética na tempada 2024-2025 supoñen incluílo na relación de especies sobre as que se poden adoptar medidas de control fronte aos danos recorrentes sobre a gandaría coa debida xustificación.

 

 

Deste xeito, pasan a ser autorizables accións como as esperas, batidas ou monterías durante todo o ano salvo en abril, maio e xuño -nos que só estarán permitidas as esperas- sempre que se xustifiquen convenientemente eses danos recorrentes ás explotacións gandeiras que poñan en risco a súa viabilidade. Non obstante, esas medidas levarán aparellado ademais un rigoroso seguimento e control por parte da Administración galega co fin de garantir a preservación das poboacións do lobo.

Neste sentido, remarcou a conselleira, vaise facer un seguimento exhaustivo dos expedientes á hora de comprobar que efectivamente se producen danos recorrentes no gando dunha determinada zona. Para iso realizarase unha análise espacial e temporal dos prexuízos sufridos -ten que ser nun espazo curto de tempo e nunha área moi reducida- ao tempo que se comprobará tanto se nas explotacións gandeiras afectadas existen medidas preventivas para evitar os ataques como a súa eficacia.

Esta modificación normativa, salientou Ángeles Vázquez, supón volver á situación previa a setembro de 2021.

Back to top button