DeportesMontañismoÚltima hora

A XV Noite entre Lobos e Estrelas, unha espectacular travesía a Trevinca pasando polas lagoas glaciares

Nesta edición da marcha, que tiña lugar na noite do 12 ao 13 de xullo, participaban nela unhas 24 persoas

 

Percorrer o Macizo de Trevinca á luz da lúa chea de xullo nun duro, á vez que fascinante, percorrido de 27 km e unha dez horas de duración. Niso consistía a XIV Noite Entre Lobos e Estrelas, unha fermosa e esixente marcha nocturna ao teito de Galicia, Pena Trevinca (2.127 m). Esta travesía de montaña, organizada polo Club de Montañismo Montañas de Trevinca, tiña lugar na noite do 12 ao 13 de xullo. Comezaba ás 24:00 h un animado grupo de 24 participantes.

“A pesar de ser noite de lúa chea, as nubes e unha espesa néboa acompañaban por veces aos camiñantes. Na cima de Galicia, Pena Trevinca, o forte vento e a temperatura máis baixa do normal non permitiron descansar moito tempo no cume”, explican dende a organización.

 

 

Pero, despois, un magnífico amencer cun ceo despexado premiaba o esforzo dos camiñantes pouco antes de chegar á coñecida e espectacular lagoa glaciar da Serpe. No descenso, a Lagoa de Ocelo apareceu entre farrapos de néboa aumentando o encanto do lugar.

A chegada á aldea da Ponte sobre as dez da mañá do 13 de xullo marcaba o final da marcha. E, pouco máis tarde, nun bo almorzo en Vilanova (A Veiga), o club recibía os parabéns con opinións  favorables por parte de todos os participantes, tanto pola organización como pola beleza do percorrido.

Deste xeito quedaba clausurada esta 15ª de xa clásica camiñata nocturna de verán, xa consolidada no marco da montaña galega.

Fotos cedidas.

 

 

 

Back to top button