SanidadeÚltima hora

Abel Pallarés asume a xefatura de Neumoloxía do Hospital de Ourense

 

Abel Pallarés Sanmartín, ata agora responsable da Unidade Multidisciplinar de Asma Grave no Hospital Montecelo de Pontevedra, asume desde hoxe a xefatura do Servizo de Neumoloxía do Hospital Universitario de Ourense, un dos servizos con maior volume asistencial, derivado do perfil demográfico da nosa provincia e da alta incidencia das patoloxías respiratorias.

Nado en Vigo hai 41 anos, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Navarra, e formouse como especialista en Neumoloxía, vía MIR, no Complexo Hospitalario de Vigo, entre 2006 e 2010. Posúe o diploma de estudos avanzados pola Universidade de Vigo, ademáis dos diplomas AGER de excelencia en Neumoloxía da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), en 2013, e HERMES de excelencia europea en Nemoloxía, en 2017.

Pallarés Sanmartín asume desde hoxe a xefatura vacante desde o cese a petición propia, en decembro, do seu responsable desde 2015, José Abal Arca, que se xubila a finais de mes e colaborará con el estes días, ao que dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras desexa agradecer publicamente o seu esforzo, nestes anos de intensísimo traballo, especialmente durante a pandemia, asumindo un gran número de ingresos, moitos deles de gran complexidade.

Posta en marcha de novos dispositivos asistenciais

Integramente vinculada a Galicia, a carreira profesional de Abel Pallarés está ligada ás áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra, onde alternou o seu exercicio como neumólogo os últimos doce anos. De 2010 a 2017 como facultativo especialista do Complexo Hospitalario de Pontevedra, para asumir e poñer en marcha, entre 2017 e 2020, o novo Hospital de Día de Neumoloxía e coordinar a Unidade de Asma Grave, do Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo; pasando a coordinar a mesma unidade no Hospital de Pontevedra.

Implicado no desenvolvemento da especialidade, desenvolve desde a súa residencia un papel activo nas súas sociedades profesionais, tanto nacional como autonómica, como representante no foro autonómico de Asma na SEPAR; Secretario do Comité Xoven SEPAR; membro do Grupo de Asma da SOGAPAR; Membro da Área EPOC da SEPAR, etc. o que, xunto coa súa intensa actividade como relator en congresos e reunións profesionais, facilitou o contacto cos seus novos e novas colegas en Ourense, polos que é ben coñecido na súa maioría.

Colaborador Docente desde 2016 da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. O novo responsable da área de Neumoloxía foi coordinador do grupo asistencial Covid en Montecelo e participou activamente na acreditación da Unidade de Asma Especializada, dos complexos hospitalarios de Vigo e Pontevedra; vogal da Comisión Galega de Coordinación e Seguemento da actividade fronte a infección polo Mycobacterium Tuberculosis entre 2016 e 2020, e responsable de máis de 30 artigos e en revistas indexadas e máis de 70 comunicacións a congresos nacionais e internacionais.

 

Artigos relacionados

Back to top button