OurenseÚltima hora

Abre as súas portas a exposición “Atencióoooon, rodamos en Ourense!!”, no Centro Cultural da Deputación

Forma parte das actividades paralelas do 26 OUFF, que terá lugar entre o 24 de setembro e o 2 de outubro

 

A mostra “Atencióoooon, rodamos en Ourense!!” vén de inaugurarse esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense como actividade previa ao inicio do 26 OUFF (Ourense Film Festival). Está  comisariada por Xosé Lois Vázquez “Che” e nela faise un repaso pola longa traxectoria dun escenario de luxo do audiovisual nos últimos tempos: Ourense. E é que tanto a cidade das Burgas como diferentes rincóns da provincia se converteron nun auténtico e luxoso plató de cine ao aire libre.

Numerosas producións audiovisuais teñen aterrizado para gravar o patrimonio cultural, arquitectónico, etnográfico e natural ourensán. Por este motivo, o OUFF organiza esta gran exposición que recolle as rodaxes que tiveron lugar en Ourense, capital e provincia, ofrecendo fotografías, textos, publicacións e todo tipo de elementos utilizados nos decorados das películas. Poderán verse elementos de filmes como La ley de la frontera, Sempre Xonxa, La lengua de las mariposas, A Esmorga, Los girasoles ciegos, 9 ondas, Cuñados ou O que arde, entre outras.

A exposición “Atención, rodamos en Ourense!!” forma parte das actividades paralelas do 26 OUFF, que terá lugar entre o 24 de setembro e o 2 de outubro, organizado pola Fundación Carlos Velo co apoio principal da Deputación de Ourense. A mostra poderá visitarse na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel dende hoxe, 16 de setembro, ata o día 26 de outubro, en horario de 11h a 14 horas e de 17 a 21 horas pola semana e tamén as dúas fines de semana do festival.

No acto inaugural, o presidente da Deputación, Manuel Baltar destacaba a firme aposta do organismo provincial “por converter a Ourense nun inmenso plató, o que se reflicte no feito de que das 27 películas rodadas na provincia, 9 delas son producións realizadas nos últimos anos”. A este camiño, dixo, “tamén contribúe a decisión do goberno provincial de asumir a organización do Festival Internacional de Cine, contando con colaboradores indispensables como a Fundación Carlos Velo, a única en Galicia centrada na cultura do audiovisual”. Unha relación coa sétima arte “que non ben de agora xa que somos o berce do cinema en Galicia e hoxe en día toda unha referencia neste sector que fai que todos miren cara esta provincia e capital termal”. Sobre a exposición, Manuel Baltar sinalou que máis aló do equipo artístico e técnico que fan posible unha película “tamén forman parte esencial desas historias os lugares onde se desenvolve a acción e que a partir de hoxe podemos comprobar a través desta mostra”.

O presidente provincial felicitou ao coordinador do festival, Miguel Anxo Fernández, e da exposición, Xosé Lois Vázquez “Che”, polo resultado dun traballo “inesquecible, ameno e atractivo que se convirte nunha visita obrigada nestes días previos á inauguración do festival”. Unhas palabras que Miguel Anxo Fernández agradeceu ao tempo de destacou que se trata da primeira vez en Galicia e España “que a través dunha mostra se pon en valor a achega dunha provincia ao cinema desde o punto de vista patrimonial, histórico, paisaxístico e ata sociolóxico en relación co cine, achega que no último ano e medio e grazas ao apoio da Deputación permitiu rodar en Ourense cinco longametraxes”.

 

Artigos relacionados

Back to top button