OurenseÚltima hora

Ábrese a inscrición para un curso de formación a profesores no tratamento de alumnado con TDAH en Ourense

Organizado por INGADA e a Fundación María José Jove, é de carácter gratuíto e diríxese a docentes de centros públicos e concertados de Educación Primaria ESO, Bacharelato e FP

 

A Fundación María José Jove e o Instituto Gallego do TDAH (INGADA) impartirán en Ourense un curso de formación a profesores para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), coa colaboración da Consellería de Educación. As prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición. Esta pódese facer no portal FProfe ata o 23 de xaneiro

O curso forma parte dun programa de formación de ámbito autonómico resultante dun convenio entre ambas as entidades e a Consellería de Educación.

Dirixido a docentes de centros públicos e concertados de Educación Primaria, ESO, Bacharelato e FP, o curso impartirase entre o 6 e o 27 de febreiro no CFR de Ourense en horario de tarde. Consta de 20 horas en total, 15 horas presenciais e 5 horas prácticas.

 

 

Impartido por un equipo multidisciplinar formado por médicos de familia e psiquiatras, pedagogos, psicólogos, psicopedagogos, orientadores, educadores sociais, logopedas, expertos en aspectos clínicos e educativos, abordarán os fundamentos clínicos do trastorno, o manexo na aula ou as dificultades de lectura e escritura, entre outros.

Ao concluír a formación teórica, os asistentes deberán entregar un proxecto final. Teñen a opción voluntaria de optar a unha bolsa dotada con 3.000 euros, a cal permitirá ao autor desenvolver o proxecto no seu centro educativo durante o presente curso lectivo. O obxectivo fundamental desta bolsa é que o aprendido sexa adaptable á realidade.

Back to top button