
Vén de abrirse o prazo para que os artesáns e produtores interesados se inscriban para participar no Mercadiño de Nadal do Barco, que se celebrará os días 21 e 22 de decembro na Praza do Concello do Barco, organizado pola Concellaría de Turismo, Comercio e Promoción Económica.
Neste mercadiño instalaranse un máximo de 20 postos, e o horario de apertura ao público será de 11 a 14,00 horas, pola mañá, e de 16,00 a 20,00 horas pola tarde. O prazo para a inscrición está aberto ata o día 31 de outubro e pode facerse por correo electrónico en infoturismo@concellodobarco.org, e por correo postal ou presencialmente na Oficina de Turismo do Barco. As dúbidas poden plantexarse, ademáis de por mail, no teléfono 604076918.
“Dada a alta demanda que normalmente se rexistra para participar neste mercadiño, a selección dos participantes terá lugar aplicando unha serie de criterios obxectivos establecidos pola Concellaría de Turismo nunha guía de normas realizada para tal fin. Entre eses criterios, contarán de xeito especial o de estar producindo nun entorno rural con unha poboación menor de 5.000 habitantes, ser artesán, dispor de selos de calidade ou ter certificación ecolóxica. Tamén se terán en conta a orixinalidade ou innovación do produto, a súa calidade e diversidade, ou o feito de que non haxa máis produtos parecidos no Mercadiño”, segundo o Concello do Barco