EconomíaEconomíaÚltima hora

Ábrese o prazo para pedir axudas de ata 700 euros para adquirir bicicletas eléctricas

Poden solicitarse desde hoxe e ata o 15 de novembro, sendo os establecementos adheridos os encargados de tramitalos ante a administración

 

Neste luns vén de abrirse o prazo para solicitar as axudas de ata 700 euros para a adquisición de bicicletas eléctricas, con xa 92 establecementos adheridos. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, achegouse este mediodía a un establecemento comercial de venda de bicicletas para presentar esta iniciativa pioneira da Xunta.

As persoas que queiran mercar unha bicicleta eléctrica poden presentar desde hoxe e ata o 15 de novembro a súa solicitude para acceder ás axudas autonómicas a través dun establecemento adherido previamente ao programa, que será o encargado de tramitar a petición ante a administración.

Nesta primeira convocatoria, á que a Xunta ten intención de darlle continuidade nos vindeiros anos, destinaranse un total de 500.000 euros para financiar a adquisición de bicicletas eléctricas.

Vázquez Mourelle detallou que con carácter xeral, a achega autonómica será de ata o 50% do prezo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 €. Precisou que as familias numerosas terán máis vantaxes, pois os incentivos cubrirán o 60%, cunha achega tope de 600 €; e, de ser familia numerosa con categoría especial, os incentivos elevaranse ata un máximo de 700 €, cubrindo ata un 70% do custo.

Sinalou que o obxectivo é diminuír o uso do coche particular, favorecer modos de transporte non motorizados, reducir emisións á atmosfera, diminuír a contaminación acústica e promover unha vida máis saudable.

Remarcou que hoxe bota a andar de forma efectiva o programa Ebici da Xunta, para a promoción da mobilidade sostible, coa apertura do prazo para solicitar os incentivos para a compra de bicicletas con pedaleo asistido.

Artigos relacionados

Back to top button