
A Asociación dos Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) levará a diversidade e a calidade dos viños e bebidas espirituosas galegas aos Países Baixos coa celebración dunha xornada profesional en Ámsterdam e outra en Róterdam.
A iniciativa, que conta co apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), ten como obxectivo promover a internacionalización dos produtos amparados polos selos de calidade dos Consellos Reguladores que integran ACRUAGA, reforzando a súa presenza nos mercados exteriores e favorecendo o contacto directo con profesionais e potenciais compradores.
A acción promocional desenvolverase o luns 19 de outubro en Ámsterdam, no espazo LuminAir, e o mércores 21 de outubro en Róterdam, no Hulstkamp Gebouw. Estas localizacións achegarán un marco singular a unha iniciativa que pretende proxectar a calidade, diversidade e tradición dos viños e bebidas espirituosas de Galicia ante profesionais dun dos mercados internacionais de interese para o sector.
Durante ambas as xornadas, os asistentes poderán coñecer e degustar unha ampla representación de viños e bebidas espirituosas tradicionais de Galicia, ademais de establecer contacto con representantes dos diferentes Consellos Reguladores e afondar no coñecemento dos produtos galegos.
O programa incluirá unha masterclass dirixida a profesionais do viño e unha degustación aberta na que estarán representados os seis Consellos Reguladores participantes.
Segundo destaca Antonio Lombardía, presidente de ACRUAGA, “os Países Baixos representan un dos destinos máis atractivos para as exportacións de viños, augardentes, licores e destilados de Galicia”. Con este showroom “pretendemos axudar aos elaboradores amparados polos nosos consellos de calidade a consolidar a súa presenza neste potente mercado europeo”.
Unha representación conxunta da calidade galega
Esta participación conxunta permitirá mostrar nos Países Baixos a diversidade de Galicia como territorio vitivinícola, desde os viños atlánticos e frescos de Rías Baixas ata a viticultura heroica da Ribeira Sacra, os viños de variedades autóctonas do Ribeiro, a personalidade de Monterrei e o recoñecemento internacional dos viños de Valdeorras. A esta oferta sumarase a tradición galega de elaboración de augardentes e licores.
Gabinete de Comunicación de la Asociación de los CC.RR. Vitivinícolas Gallegos y de las II.GG. Aguardientes y Licores Tradicionales de Galicia – Tel: 651 123 308
As actividades están especialmente dirixidas a sumilleres, importadores e distribuidores de viño, profesionais da hostalaría, amantes do viño, xornalistas especializados e medios profesionais do sector.
A través destas accións de promoción, información e formación, ACRUAGA busca incrementar o coñecemento dos viños e bebidas espirituosas galegas nos mercados internacionais, establecer novas relacións comerciais e contribuír ao crecemento das exportacións, promovendo o consumo das variedades autóctonas e dos destilados galegos amparados pola Denominación de Orixe.
O primeiro de tres eventos
Este será o primeiro dos tres eventos internacionais nos que ACRUAGA, dentro da súa estratexia de promoción e posicionamento dos produtos galegos amparados por selos de calidade, participará durante os próximos meses.
A axenda internacional continuará en xaneiro, no Salón de Viños de Inglaterra, con dúas citas previstas no Reino Unido: o 19 de xaneiro en Manchester e o 21 de xaneiro en Londres.
Así mesmo, durante o último trimestre do ano, ACRUAGA ampliará por primeira vez a súa presenza a novos mercados europeos. A asociación participará en sendas accións promocionais en Copenhague, Dinamarca, e na cidade alemá de Hamburgo.