CulturaCulturaÚltima hora

Actos para celebrar o centenario das Irmandades da Fala

A programación abrirase cun acto de carácter cívico e literario-musical que se desenvolverá na Coruña o 18 de maio

 

Presentación do programa de actos para celebrar o centenario das Irmandades da Fala.
Presentación do programa de actos para celebrar o centenario das Irmandades da Fala.

 

As principais institucións culturais galegas e as administracións colaboran no desenvolvemento nun amplo programa de actividades para conmemorar o centenario das Irmandades da Fala e que se prolongará ata o 2018. Presentábase na mañá do 14 de marzo en Santiago nun acto conxunto celebrado coa Consellería de Cultura, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego.

A programación abrirase cun acto de carácter cívico e literario-musical que se desenvolverá na Coruña o 18 de maio para conmemorar a fundación das Irmandades. Dous días despois, o 20 de maio, comezará a moverse a mostra ‘Centenario das Irmandades da Fala’, organizada pola Deputación da Coruña, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego para difundir entre a cidadanía o labor deste colectivo a través de materiais audiovisuais, música, documentos orixinais, publicacións e unha selección de obras de arte e obxectos singulares que constrúen un completo relato da dimensión das Irmandades da Fala.

Esta exposición, que se inaugurará en maio na sede da Fundación Barrié da Coruña, visitará, nunha primeira xeira, grazas á colaboración das catro deputacións provinciais, as sete cidades galegas para logo percorrer outros concellos da provincia da Coruña, nunha itinerancia que se alongará ata maio de 2017.

No outono o Arquivo Histórico Provincial de Ourense acollerá unha mostra panorámica da memoria documental e bibliográfica do galeguismo ourensán que permitirá ao visitante achegarse aos momentos e persoas protagonistas dos inicios das Irmandades, singularmente, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Risco, Otero Pedrayo e Xaquín Lorenzo. A súa apertura está prevista para o mes de outubro.

Haberá asemade outras propostas, así o Consello da Cultura Galega prepara dúas exposicións que, ao igual que boa parte das actividades que organiza no marco deste centenario, se prolongarán ata o 2018, en consonancia coa expansión que as Irmandades da Fala protagonizaron entre 1916 e 1918.

Artigos relacionados

Back to top button