
Pouco antes da chegada do Entroido, unha tradición pola que sentía verdadeira paxión e da que contaxiou á súa familia, Aquilino Pérez Prieto, marchaba. Natural de Bidueira (Manzaneda), era un dos artífices desta festa tradicional. Cada ano saía para desfrutar del, especialmente nas aldeas da Mourela p’acá. Con apenas 7 anos comezaba a danzar ao seu trepidante ritmo do fulión como Mázcara.
Ademais, de tocar, preparaba os seus propios bombos e, gozaba especialmente discorrendo os versos para os permisos e fuliadas (repesentacións satíricas propias desta festa) e mesmo interpretaba personaxes nelas, entre eles o do Pallaso. E ata non hai moito tempo seguía saíndo a tocar o bombo, sempre rodeado e coidado pola súa atenta familia. Tamén era un gran coñecedor e defensor doutras tradicións, conservando na súa memoria, por exemplo, cantos de seitura.
Casado con Sofía, era pai de cinco fillos (Toño, Montse, Aquilino, Agustín e Sofi), Aquilino era unha persoa que se volcaba na súa familia, moi coñecida, querida, cercana, alegre e traballadora. E así se demostraba, unha vez máis, na emotiva homenaxe que lle rendía o pasado verán na I Festa da Malla en Bidueira.
Sempre estaba disposto a escoitar e a conversar, especialmente do Entroido. De feito, cada vez que se falaba con el desta festa, acostumaba recitar de memoria antigos versos ideados por el para esta festa. “Fixen moitos para outros, e eses si que os anotaba, pero os que eran para min, non”, dicía nunha entrevista concedida hai uns anos ao Periódico O SIL para a revista “Entroido en Galicia”. E nela remataba con estes: “Oxalá que esta xuntanza/ nos valga de oración/ quen sabe se dende o ceo/ nos están vendo o fulión./ Amigos de Requeixo/ non temos máis que falar/ se nos dades o permiso/ xa podemos empezar”.
Este veciño de Bidueira falecía na madrugada deste domingo 25 de xaneiro aos 92 e, seguramente agora estaranos vendo dende ese ceo ao que se refería nos seus versos.
A súa capela ardente está instalada no Velatorio de Manzaneda. O seu funeral está previsto para mañá luns 26 de xaneiro ás catro e media da tarde na igrexa parroquial de San Miguel de Bidueira, á continuación será soterrado no cemiterio desta localidade.

Dende a familia, a súa neta Laura dedícalle estas palabras de despedida:
Marchouse o Aquilino de Bidueira, o ceo chamou por él…
O noso home, o noso pai, o noso abuelo, o noso bisabuelo… o amigo de todos.
Atrás quedan os versos, os bombos, o carnaval, o barreiros, os fríos, os traballos…
Deixas un fondo pesar no corazón dos teus. No corazón da familia que, xunto coa abuela Sofía, creaches. Adorabas ver a mesa chea. Cuantos máis eramos, máis feliz eras.
Xa nada vai ser igual sin ti e, estamos seguros de que, alá a onde vaias, vas recitar versos, vas andar o fulión, vas presumir da Mourela pa’ca, vas tomar un traguiño de viño, vas ir ós cantos da seitura e vaslle decir ós teus as palabras que nunca olvidaremos: “Volvei logo”.
A túa neta: Laura Álvarez