
Adif construirá no Barco de Valdeorras un novo paso inferior, baixo a liña de ferrocarril convencional Palencia-A Coruña, para canalizar o tráfico de vehículos entre as rúas Rampa e Ramón e Cajal, á altura da rúa Xirimil, e acondicionará o actualmente existente entre estas vías para convertelo en paso peonil.
A actuación, que Adif acaba de adxudicar por importe de 758.552 euros, “reforzará a integración e a permeabilidade do ferrocarril ao seu paso pola localidade, mellorando a conexión a ambos os dous lados da vía, e o tráfico e a seguridade viaria, ao separar tránsito de peóns e vehículos”, segundo informa este organismo.
O novo paso inferior, de 10m. de lonxitude, construirase á beira do actual e canalizará unha vía de dous carrís, de 3 m. cada un, con beiravías de 1 m. a cada lado. Para iso, terá 8 m. de altura e 3 m de ancho, e executarase mediante o despregamento dun marco de formigón construído in situ.
O paso actualmente existente, de 10m de lonxitude e 4m de anchura, e os seus accesos e zonas contiguas acondicionaranse, recubríndose de beirarrúa e converterase así nun paso peonil.
A construción do novo paso inferior enmárcase no convenio de colaboración existente entre Adif e o Concello do Barco de Valdeorras para a mellora da permeabilidade no municipio. O novo paso inferior súmase a outro paso inferior peonil de recente construción á altura da estación de Adif do Barco.
Adif suma esta actuación de integración urbana ás que impulsa actualmente en Ourense, tanto para reforzar a cidade como nodo da alta velocidade do noroeste, como para modernizar o ferrocarril convencional.
Neste sentido, actualmente ultima a renovación integral e electrificación da liña de ferrocarril convencional Lugo-Monforte de Lemos-Ourense, a través dun plan que ademais comprende a remodelación de estacións.
En paralelo, Adif traballa na renovación e ampliación da estación de Ourense para que siga atendendo ao aumento de tráfico e convertela en hub da nova mobilidade sostible; impulsa a construción do trazado de alta velocidade entre Taboadela e Seixalbo, e avanza na reforma da antiga estación de San Francisco para albergar o Centro de Regulación da Circulación (CRC) que xestionará todas as liñas de Galicia.