ConcellosÚltima hora

AEVA amosa a súa preocupación “pola inseguridade cidadá en Valdeorras” e pide adoptar “medidas efectivas contra ela”

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) vén de emitir un comunicado de prensa para expresar a súa preocupación “pola situación de inseguridade que afecta actualmente á comarca, con especial incidencia nas últimas semanas na localidade do Barco. Producíronse diversos roubos e desfeitas en establecementos comerciais, así como danos en bens particulares, xerando un clima de crecente intranquilidade tanto entre o sector empresarial como entre os veciños”.

Neste senso, “desde AEVA consideramos necesario reforzar a vixilancia e adoptar medidas efectivas que eviten a sensación de impunidade e permitan restablecer unha contorna segura para quen vive e traballan na comarca. Esta non é a primeira vez que desde AEVA trasladamos ás autoridades a nosa preocupación por situacións similares. A Asociación veu actuando, en diferentes momentos, para reclamar melloras na seguridade e colaborar na procura de solucións que favorezan a actividade empresarial en Valdeorras”.

Nesta ocasión, AEVA ten previsto “reunirse coas administracións públicas competentes e cos corpos de seguridade para analizar a situación e traballar de forma conxunta na aplicación de medidas eficaces que devolvan a tranquilidade ao tecido económico e social do territorio. Desde a Asociación seguiremos dando voz ás inquietudes do sector e reafirmamos o noso compromiso coa mellora continua das condicións nas que desenvolven o seu labor as empresas e a veciñanza de Valdeorras”.

Back to top button