SanidadeÚltima hora

Alcer Ourense celebrará o 2 de xuño o Día do Doante de Órganos

 

“Doar é Amar” será o lema “que nos une a todas a entidades de persoas transplantadas” destacan dende a Federación Alcer Galicia con motivo da celebración mañá, 2 de xuño, do Día do Doador de órganos (o 1º mércores de mes de xuño).

No caso de Ourense, esta entidade colocará unha mesa informativa no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, “a primeira que se coloca dende o inicio da pandemia, na que estarán a coordinadora e un voluntario de 10h a 13h mañá, tendo un pequeno acto protocolario coa xerencia, humanización e coordinación de transplantes ás 12h, así como a iluminación en verde de varios edificios/monumentos na comunidade autónoma por parte da Federación ALCER Galicia sendo a Ponte Romana e o Pazo da Deputación os elixidos en Ourense”, tal e como adianta os promotores.

“No Día do Doante de Órganos (2 de xuño) agradecemos a todas as persoas doadoras e ás súas familias, que favoreceron a mellora da calidade de vida das persoas que necesitan un órgano. Desde a Federación Alcer Galicia queremos agradecer cada xesto de amor, neste ano de dificultades e distancias é preciso reforzarnos como sociedade solidaria e empática nas necesidades dos demais”, destacan dende esta entidade.

Ademais indican que o proceso de doazón e transplantes, pasado máis dun ano do inicio da pandemia, “logrou acadar un ritmo que se aproxima ao de 2019. É de recibo agradecer a todo o entramado que configura á rede de transplantes, desde cada sanitario a cada persoa que está a espera dun órgano, xa que configuramos unha sociedade que debe de manter o exemplo solidario. Vainos a vida nestes xestos”.

Artigos relacionados

Back to top button