
A Xunta vén de activar a alerta vermella por temporal costeiro na madrugada do domingo no litoral da Coruña, mentres que mañá estarán activas ademais a alerta laranxa por fenómenos adversos costeiros no resto da costa galega, así como por vento na Coruña e na Mariña lucense e por fortes chuvias en zonas da Coruña, Ourense e Pontevedra.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta vermella activarase na madrugada do domingo ao luns e afectará ao noroeste e oeste da Coruña por ventos do sur-suroeste forza 8 arreciando a forza 9 e mar combinada do oeste-noroeste con ondas de ata 10 metros. A primeiras horas desta madrugada xa comezará a alerta laranxa en toda a costa galega: nos litorais da Coruña e Pontevedra agárdanse ventos do sur-suroeste de forza 8 e ocasionalmente forza 9 con mar combinada do oeste-noroeste con ondas de ata oito metros, mentres que na Mariña lucense desde a media tarde de mañá o vento será de oeste a suroeste forza 8 e mar combinada do oeste-noroeste con ondas de ata sete metros.
Por outra parte, na Mariña lucense e no noroeste da Coruña actívase desde esta madrugada a alerta laranxa por rachas de ventos de 100 quilómetros por hora de sur-suroeste. O nivel de aviso tamén será laranxa desde últimas horas desta madrugada no interior da Coruña, no noroeste e sur de Ourense e no interior e na zona do Miño de Pontevedra por precipitacións acumuladas de 80 milímetros en 12 horas que poden acadar os 100 litros en 24 horas.
No caso da montaña de Ourense e Valdeorras o nivel de alerta será amarelo con ventos de sur e suroeste que poderían acadar os 90 km/h e precipitación acumulada en 12 horas: 40 mm, segundo Aemet.
Debido ás últimas actualizacións dos partes meteorolóxicos dos distintos organismos predictores, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes informou da suspensión durante toda a xornada de mañá da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior de 15 concellos da Mariña lucense e en 38 do noroeste da Coruña pola alerta laranxa por vento. Tamén se suspende mañá durante toda a tarde en 33 concellos do litoral de Pontevedra; 22 concellos do oeste e suroeste da provincia da Coruña; así como 19 concellos da montaña de Ourense. Ademais, polo fenómeno adverso por temporal costeiro cancélase en toda Galicia a actividade deportiva federada no mar. Os concellos afectados poden consultarse no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia.
A Xunta lembra a necesidade de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, sinálase a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.
Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.