EconomíaEconomíaÚltima hora

Alibós, empresa do sector da castaña, aposta pola innovación dende o rural lucense

Está a incorporar un plan para diversificar a gama de produtos, ser máis eficientes dende o punto de vista medioambiental e ampliar a súa presenza en mercados internacionais

 

A empresa Alibós, do sector da castaña e con sede en Monterroso (Lugo), vén de implementar un novo proxecto de modernización ao abeiro do programa InnovaPeme, que xestiona a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaba esta mañá as súas instalacións, da man do xerente de Alibós, Jesús Quintá, e destacaba a “constante aposta pola innovación” desta empresa.

A compañía, orientada á produción de castaña conxelada e outros produtos alimentarios como puré de castaña ou cogomelos, está a incorporar un plan de innovación para diversificar a gama de produtos, ser máis eficientes dende o punto de vista medioambiental e ampliar a súa presenza en mercados internacionais -aos que xa exporta o 90% da produción de castaña-, entre outros obxectivos.

Así, entre as novidades que introduce este proxecto, que apoia a Xunta con preto de 74.000 euros, figura a creación de novos produtos listos para consumir ou para cociñar. Tamén se busca un mellor aproveitamento dos residuos resultantes de pelar as castañas, como combustible para plantas de biomasa, ingrediente para fertilizantes ou substrato orgánico para compostaxe, ou alternativas tecnolóxicas para que o proceso produtivo resulte máis competitivo e ecolóxico, como a ultraconxelación con CO2.

 

 

Igualmente, Alibós traballa en alternativas máis ecoeficientes de embalaxe e estuda o impacto medioambiental do conxunto da súa actividade mediante o cálculo da pegada de carbono. Completan o plan aspectos como a mellora do equipamento con novas técnicas de visión artificial que permiten mellorar a calidade da castaña seleccionada, ou consolidar a estratexia de internacionalización coa vista posta especialmente no mercado xaponés.

Arias subliñou que Alibós “é un claro exemplo de que é posible innovar e ser competitivos a nivel internacional dende o rural lucense e apostando por produtos agroalimentarios locais”. Neste sentido, lembrou que a Xunta colaborou coa empresa “ao longo da súa traxectoria, nas súas apostas pola calidade, a innovación e a internacionalización”, apoiando a súa modernización ou iniciativas como a recuperación de soutos de castiñeiros abandonados.

Froito desta colaboración, nos últimos anos Alibós liderou proxectos para o desenvolvemento de produtos alimentarios menos alerxénicos, para potenciar as materias primas galegas ou para poñer en valor os residuos agroalimentarios converténdoos en bioprodutos de alto valor engadido.

Artigos relacionados

Back to top button