
A Academia Galega do Audiovisual outorgaba esta mañá o distintivo de Lugar de Interese Cinematográfico (LIC) a Allariz, nun acto institucional ao que asistiron Cristina Cid, alcaldesa deste municipio, e Alba Gallego, membro da xunta directiva da Academia e natural desta localidade.
Cristina Cid expresaba o seu profundo agradecemento por este galardón que recoñece a Allariz como Lugar de Interese Cinematográfico. Durante a súa intervención rememorou o impacto que tivo na vila a rodaxe do filme “A Lingua das Bolboretas” en 1999, unha obra emblemática na filmografía de José Luis Cuerda. A película, filmada en parte nas rúas e paisaxes de Allariz, non só supuxo un impulso á proxección cultural da vila, senón que tamén deixou unha fonda pegada emocional entre os seus habitantes. A rexedora salientou o interese que aínda hoxe xera esta circunstancia entre as persoas que visitan a vila, subliñando como o cinema axuda a consolidar a Allariz como destino atractivo para os e as turistas.
As academias de cine e audiovisual recoñecen con esta distinción os lugares que teñen unha especial importancia para a industria audiovisual, tanto polo seu valor histórico como pola súa relevancia na produción cinematográfica ou o seu significado simbólico. Allariz é a representante galega dun listado que inclúe o Casco histórico de Córdoba, o castelo de Loarre, o Xixón de Volver a empezar, os Estudios Balcázar, Cáceres como Conxunto Histórico e Monumental, o café Vá-Vá lisboeta e a localidade de Peñíscola.
A distinción Lugares de Interese Cinematográfico quere poñer en valor a riqueza cultural e audiovisual destes lugares, así como promover a conservación e posta en valor destes espazos que xogaron un papel fundamental na construción da identidade audiovisual da península.