OurenseÚltima hora

Alumnado do ciclo de FP de Mobilidade Segura e Sustentable visita a Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense

 

Esta mañá, os alumnos do Ciclo Superior de Formación para a Mobilidade Segura e Sustentable, pioneiro en Galicia, realizaron unha visita guiada ás instalacións da Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense. Esta actividade foi organizada pola Asociación Provincial de Autoescolas de Ourense, en colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico.

Durante a visita, os alumnos estiveron acompañados por David Llorente Rey, xefe provincial de Tráfico, e por Luis Novoa Fernández, presidente da Asociación de Autoescolas de Ourense. A actividade, que tivo lugar entre as 9:00 e as 11:00 horas, permitiu aos estudantes coñecer de primeira man o funcionamento interno dos exames teóricos do permiso de conducir, así como coñecer de primeira man o día a día da Xefatura.

Este evento forma parte dun programa educativo que reforza a colaboración entre institucións públicas e privadas para a promoción da seguridade viaria e a formación de profesionais cualificados. A formación dual, apoiada pola Deputación Provincial de Ourense, permitirá que no mes de marzo estes estudantes realicen prácticas en autoescolas asociadas, completando así o seu período formativo e incorporándose ao mercado laboral nas autoescolas da provincia.

 

 

A Asociación Provincial de Autoescolas de Ourense, entidade organizadora da visita, está composta por máis de 40 centros que representan o 90% das autoescolas da provincia. O seu compromiso co sector da seguridade viaria é firme, e un dos seus obxectivos principais é consolidar en Ourense a titulación de FP en Mobilidade Segura e Sustentable como eixo fundamental para mellorar a formación e profesionalización no sector.

A través de iniciativas como esta, a Asociación reafirma o seu propósito de traballar pola seguridade viaria en Ourense e apoiar o desenvolvemento profesional e educativo da mocidade na provincia.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button