Do 23 ao 25 de febreiro é a quenda de Valdeorras para participar no programa EsquiOU 2026, unha iniciativa destinada a promover o contacto dos máis pequenos co deporte da neve e coa práctica do esquí nun contorno seguro, formativo e inclusivo organizado pola Deputación de Ourense e a Estación de Montaña Manzaneda.
Alí están xa os nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2017 que participan, entre os que están alumnos do CEIP Virxe do Camiño de Rubiá.

O programa de tres días na estación de montaña inclúe aloxamento, manutención, curso de iniciación ao esquí, acceso a piscina climatizada, actividades deportivas e lúdicas, monitores acompañantes, transporte e seguro de viaxe, tal e como recolle o documento informativo oficial.
A programación diaria combina clases de esquí, actividades deportivas en pavillón, tempo de descanso e tempo libre supervisado, así como unha velada nocturna ou disco infantil.
Fotos cedidas.