EconomíaEconomíaÚltima hora

Amplíase en 500.000 euros o crédito para as axudas á adquisición de bicicletas eléctricas en Galicia

Os interesados poderán solicitar estas axudas ata o 15 de novembro en calquera das 139 tendas adheridas ao programa e que se encargan da tramitación da subvención

 

O Consello da Xunta dáballe hoxe luz verde á ampliación en 500.000 euros do crédito para as axudas á adquisición de bicicletas eléctricas, destinando un orzamento total de 1 millón de euros. A Xunta abriu en agosto unha convocatoria dotada de 500.000 euros para solicitar estas subvencións para mercar bicicletas con pedaleo asistido.

A Xunta xa rexistrou 1.096 solicitudes de axuda, das que 1.003 contan coa correspondente reserva de fondos, quedando 93 peticións sen orzamento para ser subvencionadas. Así, unha vez esgotado o crédito inicial, decidiuse ampliar o investimento para dar resposta á demanda destes incentivos por parte dos cidadáns. A día de hoxe, un total de 356 usuarios xa recibiron o seu pagamento para mercar a bicicleta e continúa avanzando a tramitación das 647 axudas restantes.

Con carácter xeral, a achega autonómica é de ata o 50% do prezo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 euros. Non obstante, as familias numerosas teñen máis vantaxes, pois os incentivos cobren o 60%, cunha achega tope de 600 €; e para as de categoría especial, os descontos elévanse ata un máximo de 700 €, cubrindo ata un 70% do custo.

Esta iniciativa da Xunta está enmarcada no programa Ebici, cuxos obxectivos son diminuír o uso do coche particular, favorecer modos de transporte non motorizados, reducir emisións á atmosfera e a contaminación acústica e promover unha vida máis saudable.

Prazo aberto

O prazo para solicitar estas subvencións continúa aberto nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria, polo que as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de novembro.

Esta tramitación realizarase a través dun establecemento adherido previamente ao programa. Na actualidade xa son 139 as tendas de bicicletas que están integradas nesta iniciativa e se encargan de tramitar as solicitudes de subvencións dos cidadáns interesados.

No seguinte enlace pode consultarse a listaxe destas entidades comerciais adheridas ao programa Ebici: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade-sostible. Estes establecementos exhibirán nos seus puntos de venda un cartel identificativo, que leva por lema: Enchúfate ao movemento EBici.

A Xunta adopta esta medida coincidindo coa conmemoración da Semana Europea da Mobilidade, continuando co seu labor de procurarlles aos cidadáns novas alternativas para os seus desprazamentos que sexan máis sostibles e respectuosas co medio.

Artigos relacionados

Back to top button