
A integración ferroviaria, a circunvalación norte ou bulevar termal son algúns dos asuntos abordados na visita que realizaba a ministra de Fomento, Ana Pastor, na xornada do 20 de xuño á cidade de Ourense e na que se reunía co seu novo rexidor, Xesús Vázquez.
Sobre a integración ferroviaria, ambos adiantaban ao termo da reunión, a próxima constitución dun grupo de traballo no que participarán o Concello de Ourense, o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e a Deputación para pechar o proxecto definitivo. En relación coa circunvalación norte, indicábase que se está a rematar a redacción do proxecto do primeiro tramo, coa previsión de que poda ser licitado polo Ministerio o próximo ano. A execución deste proxecto permitiría acometer tamén a construción do bulevar termal.
O alcalde ourensán e a ministra de Fomento manterán unha xuntanza en Madrid o próximo mes de xullo para avanzar nestes e outros proxectos a desenvolver na cidade.