PolíticaÚltima hora

Ana Pontón, reelixida voceira nacional do BNG, márcase como reto liderar Galiza en 2028

“Imos seguir practicando a política con maiúsculas, a que pon as persoas no centro, traballando todos a unha e sen poñerse límites", proclamaba

 

Ana Pontón vén de ser reelixida o 1 de decembro como portavoz nacional do BNG co 84,14% de voto tras un proceso de votación de tres candidaturas, no que a lista encabezada por Noa Presas obtivo un 12,35% de apoio e a encabezada por Gustavo Barcia o 3,51%. Con estes resultados, a representación na Executiva Nacional é de 16, 2 e 1 respectivamente.

Neste asemblea nacional da formación escollíase o seu novo Consello Nacional que, inclúe, entre outros nomes ourensáns o da valdeorresa María G. Albert.

No seu discurso de clausura, Pontón agradeceu a confianza para seguir liderando o Bloque ao lado de todas a persoas que a acompañan na nova Executiva Nacional, destacando que desta cita asemblearia sae un BNG “máis forte e máis preparado” para encarar o gran obxectivo: gobernar Galiza en 2028.

Tras unha xornada de debate, “agora toca traballar todos e todas a unha para seguir demostrando que o BNG é imparable” e tendo en conta a responsabilidade que supón ser “a esperanza” de cambio político, “como demostrou o resultado das eleccións do 18F. Aí fóra hai moita xente mirando para nós e temos a responsabilidade colectiva de estar á altura desa confianza”, subliñou.

“Aquí e agora o máis revolucionario que podemos facer polo País é gobernar, converter os soños en realidades e aínda que hai oitos anos ese soño era impensable hoxe témolo ao alcance da nosa man grazas a vós”, recalcou. Pontón fixo fincapé na urxencia de acabar co réxime absolutista do PP, “e darlle a este País un goberno leal a Galiza, que poña por diante os intereses dos galegos e das galegas para darlles unha vida mellor. É unha responsabilidade histórica que non podemos deixar pasar”, alegou.

 

 

Para afrontar ese reto, da asemblea sae un “BNG máis forte, coas portas abertas e a man tendida, preparado para seguir ensanchando a base social e electoral do nacionalismo, até converternos no referente de todos os galegos e galegas que non se resignan a unha Galiza que esmorece, que vai a menos”. Tras converterse na única alternativa real ao PP desde a “firmeza” dos principios e aplicando unha política nacionalista, agora toca ir máis alá, proclamou, “agora toca gobernarnos nós a nosa terra”.

Tres anos por diante para acadar ese obxectivo que require un proceso de acumulación: “máis organización, máis traballo social e máis poder municipal para seguir demostrando desde os concellos o poder transformador do Bloque”, aseguraba.

Pontón fixo un recoñecemento expreso ao traballo das mulleres do BNG, desde as militantes de base, pasando polas que se acaban de incorporar, ás responsables locais e comarcais, alcaldesas, concelleiras, parlamentarias, aquí, en Madrid e en Bruxelas, consciente de que, “en política, igual que na vida, tamén hai prexuízos que superar, teitos de cristal que romper e solos pegañentos que levantar. E imos facelo xuntas, desde o feminismo, até que todas sexamos libres e iguais”, destacou.

Back to top button