ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Análise da riqueza e da posta en valor do patrimonio xeolóxico de Quiroga

II Xornadasde Xeoloxía na Ribeira Sacra, do 3 ao 5 de xullo nesta vila lucense

“Toda a historia xeolóxica de Galicia e da península, e ademais de forma continua, está contida en Quiroga”. Deste xeito se refería ao patrimonio xeolóxico quirogués o director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña. Facíao, xunto ao alcalde deste concello lucense, Julio Álvarez, no acto inaugural das II Xornadas de Xeoloxía da Ribeira Sacra, cun programa que se desenvolve entre os días 3 e 5 de xullo na Casa da Cultura de Quiroga.

Xunto con ponencias, este encontro inclúe diversas visitas para coñecer a riqueza xeolóxica da Ribeira Sacra. Principiaba na tarde do 3 de xullo cunha conferencia de Viola Bruschi, profesora de xeoloxía e xeomorfoloxía da Universidade de Cantabria, quen era presentada polo xerente do DGR Ribeira Sacra. A ponente expoñía a experiencia de “Costa Quebrada Parque Xeolóxico”, en Cantabria.

De seguido, os participantes nestas xornadas, organizadas polo GDR Ribeira Sacra, coñecían o proxecto do Xeoparque de Villuercas Ibore Jara, da man do seu subdirector, Javier López. Tamén se tocaban temas como os criterios de explotación do patrimonio xeolóxico con Asier Hilario, membro do Comité Español de Xeoparques.

O sábado 4 de xullo combinaranse as ponencias con saídas. Así, pola mañá tiñan lugar as intervencións de Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, e da investigadora deste mesmo centro Aurora Grandal, Arturo de Lombera Hermida, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, e de Manolo Díaz Prieto (primeiro presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, 1981-1992). Pola tarde haberá visitas guiadas a diversos puntos da Ribeira Sacra e para a xornada do 5 de xullo está prevista unha ruta de sendeirismo.

Texto: A.R./ Quiroga
Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button