ConcellosO BoloÚltima horaVídeos

O Concello do Bolo aposta polo turismo presentando a súa imaxe de marca e a nova páxina web

 

Na mañá deste luns 2 de xuño o Castelo do Bolo acollía a presentación da marca Terras do Bolo e a nova páxina web, elementos que forman parte do Plan de Márketing e Promoción, posto en marcha o ano pasado e cos que o Concello dá un paso máis na súa aposta polo turismo. O alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, destacou “a importancia de potenciar unha marca e unha páxina web propias” para un concello de menos de 800 habitantes, un proxecto ambicioso que “non se podería levar a cabo de non ser polo apoio e financiamento do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para entidades locais, co fin de combater o despoboamento”, dixo.

 

 

Acompañando ao alcalde, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, celebrou que o plan do Concello do Bolo teña continuidade neste ano e no seguinte coa constitución dunha Oficina Técnica de Turismo Sostible, que implicará a incorporación de guías especializados e unha oferta turística moi profesionalizada. “Nace coa vocación clara de mellorar, coordinar e dar a coñecer o gran potencial turístico deste municipio baixo unha identidade común e forte”, subliñou. Neste sentido, Santos reiterou que este proxecto “é un exemplo claro do firme compromiso do Goberno de España co rural, co seu presente e, sobre todo, co seu futuro”.

 

 

O subdelegado explicou que a marca de turismo Terras do Bolo forma parte do proxecto “Desarrolla O Bolo” que inclúe as oficinas de vivenda e de proxectos, e que conta cun orzamento 70.000 euros da convocatoria de axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para promover accións innovadoras de dinamización territorial e combater o despoboamento. “Esta subvención foi outorgada no 2023 pero este ano O Bolo recibiu outra axuda de 180.000 euros do mesmo Ministerio para iniciativas sostibles municipais, que permitirá continuar cos plans turísticos”, indicou.

 

 

O traballo estivo coordinado pola consultoría de comunicación Comunicando que contou coa deseñadora gráfica local Verónica Vieira, para a parte artística do proxecto. Presente no acto para presentar a nova imaxe de marca, Verónica destacou o feito de que O Bolo “aposte por facer cousas con xente local e sobre todo porque sendo un concello tan pequeno, aposte pola calidade e polo deseño que non é algo habitual”, dixo.

Pola súa banda, o director de Comunicando, Jorge Isla, presentou a nova web www.turismoterrasdobolo.gal da que explicou que se puxo en marcha porque “o turismo do Bolo cada día está a cobrar unha importancia maior, polo que era imprescindible que tivese un espazo independente, destacado e con deseño actual”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button