
Dende o 16 de decembro Ángeles Vispo Martínez está á fronte da xerencia do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), entidade que agrupa a un cento de negocios da vila e que preside Jacobo Arias. Esta valdeorresa, que asume o cargo con moita ilusión, incorporábase ao inicio da intensa campaña de Nadal da asociación, con multitude de propostas para todas as idades e que está tendo unha gran acollida.
Esta é súa primeira experiencia á fronte dunha xerencia dunha asociación empresarial, ¿que supón para vostede este posto?
Efectivamente é a miña primeira vez como xerente e a verdade é todo un reto para min. Estou moi ilusionada e, á vez, moi agradecida cos membros da xunta directiva que están pendentes e axudándome en todo momento.
O comercio é un sector que coñece todo o mundo, pero, ¿cambia a perspectiva cando se ve desde dentro a organización, as actividades, as demandas…?
A perspectiva cambia bastante, cando se traballa desde dentro preocúpanche cousas que non se aprecian cando se entra nun negocio como simple consumidor. O comercio é un sector moi relevante xa que constitúe unha parte moi importante da economía no Barco e, canto máis se consuma aquí, mellor será a economía e o desenvolvemento de nosa vila.
Incorpórase en plena campaña de Nadal, ¿como están a ser estes días, as actividades, a resposta da xente?
A verdade é que a campaña de Nadal está sendo moi positiva, a xente responde moi ben e anímase a participar en todo o que se realiza. O comercio implícase moito e os clientes son moi participativos.
Estamos a ter unha gran afluencia na actividades que estamos a realizar e estamos moi agradecidos de que a xente responda tan ben e achegue aos seus pequenos ás nosas actividades.
Neste caso, xa tivemos a casiña na Praza do Concello cos trasgos e con Papá Noel e foron moitísimas as persoas que se achegaron facerse unha foto con eles, tanto nenos como adultos. O mesmo aconteceu cos obradoiros, nos que se abriron as prazas e, ás poucas horas, estaban todas cubertas.
A verdade que se agradece moitísimo que a resposta sexa tan positiva, é moi satisfactorio facer cousas e que a xente estea contenta.
¿Que importancia considera que ten o CCA como entidade á hora de dinamizar comercialmente un municipio como pode ser O Barco?
O CCA une ao comercio, e o comercio unido é máis forte. Trabállase para mantaner vivio o comercio local. Con esta Asociación damos visibilidade a moitos proxectos e realizamos numerosas campañas ao longo de todo o ano, campañas que favorecen o consumo local, pero, sobre todo, que están enfocadas en todos os sectores para que o conxunto dos asociados poidan beneficiarse de ser membros.