ConcellosEn portadaÚltima horaVilamartín

Aprobada a transferencia ao Concello de Vilamartín da estrada que une esta localidade con San Vicente

Plano do treito da vía provincial obxecto do cambio de titularidade aprobado hoxe no Consello da Xunta.

 

O Consello da Xunta vén de autorizar na súa reunión desta mañá o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilamartín de Valdeorras do treito da estrada provincial OU-0807 Vilamartín (N-536)-San Vicente.

Trátase, concretamente, do treito de 500 metros de lonxitude da OU-0807, que se inicia no punto quilométrico 8+190 e remata no 8+690. O Concello de Vilamartín de Valdeorras solicitou á Deputación Provincial de Ourense o cambio de titularidade do citado treito da OU-0807.

“A administración provincial aceptou o cambio de titularidade proposto pola entidade local. A Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable ao cambio de titularidade deste treito da estrada provincial Vilamartín (N-536)-San Vicente. A transferencia deste treito a prol do Concello de Vilamartín de Valdeorras tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas como competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas”, tal e como informa a Xunta.

O Departamento de Infraestruturas da Xunta ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades provinciais e locais.

“Con este cambio de titularidade, o Concello de Vilamartín de Valdeorras terá a competencia para actuar neste treito da estrada provincial OU-0807, e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento”, segundo a Xunta.

O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button