ConcellosO BarcoÚltima hora

Aprobada por unaminidade a moción do BNG do Barco para que se cubran as prazas de pediatría en primaria

 

Apoio unánime da Corporación barquense á moción que o grupo municipal do BNG presentaba no pleno celebrado este 16 de xaneiro para pedir a cobertura das prazas vacantes pediatras de Atención Primaria no Centro de Saúde do Barco. “Esta moción hoxe non debería estar aquí”, comezaban dicindo a concelleira nacionalista Noa Fernández, ao inicio da súa exposición, “pero si que nos vemos na obriga de traer novamente esta cuestión ao pleno porque nos últimos nove meses non se ten avanzado absolutamente nada na mesma”.

A edil facía un repaso cronolóxico da situación, comezando por que o 2 de maio de 2024, dúas representantes do colectivo de nais e pais afectados pola falta de pediatras, lían no pleno a súa proposta sobre pediatría nos centros de saúde. Tamén recordaba as preguntas presentadas polo BNG e polo PSOE no Parlamento galego o 4 de decembro, “sendo a resposta por parte do conselleiro que as nenas e nenos de Valdeorras teñen asistencia sanitaria garantiza, e, unha vez máis minte, non teñen garantizada asistencia pediátrica”. E indicaba que son 1.848 os nenos e nenas de Valdeorras os que están afectados por esta cuestión e que “non hai vontade de cubrir esas prazas”.

Despois daba lectura ás disposicións finais da moción cuxo acordo incluía os seguintes puntos: que o “Concello do Barco de Valdeorras insta á Xunta de Galiza a garantir a atención sanitaria en primaria ás nenas e nenos do distrito sanitario de Valdeorras por especialistas en pediatría de xeito permanente. Cubrir as prazas vacantes de pediatría existentes no centro de saúde do Barco de Valdeorras con persoal con esa especialidade” e dar traslado deste acordo aos alcaldes e Corporación Municipais da “Veiga, O Bolo, Manzaneda, Petín, Larouco, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Carballeda de Valdeorras e Viana do Bolo. Así mesmo, tamén dar traslado do acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, ao conselleiro de Sanidade, ao presidente do Parlamento Galego e aos portavoces dos partidos políticos con representación no Parlamento”.

 

 

A continuación tomaba a palabra a concelleira do PP Maite Estévez, que sinalaba o seu grupo, estaba de “acordo con esta moción presentada, coa exposición que se fixo, non o estamos, pero non imos entrar en detalles que forman parte dun protocolo que nós non podemos modificar, polo que, ante o exposto na moción queremos destacar o sistema MIR está dirixido e regulado polo Ministerio de Sanidade, polo tanto, propoñemos engadir un punto á moción presentada, un terceiro punto, para instar ao Goberno de España e ao Ministerio de Sanidade para que convoque á maior brevidade prazas MIR necesarias para cubrir a falta de facultativos especializados xa que agora mesmo estas prazas non cobren as necesidades. Por outra parte tamén nos gustaría dicir que a parte desta moción deberíamos loitar todos para que este concello sexa máis atractivo á hora de que os especialistas escollan praza”.

A emenda de adición proposta polo PP resultaba rexeitada polo BNG, ao considerar que se tiña que ter presentado con antelación e non na mesma sesión plenaria. “Si que podemos analizar o tema do MIR, pero o verdadeiro problema non é ese, senón que a xente non quere vir polo tema das condicións de contratación e esas ponnas o Sergas. Non é que os profesionais no queiran quedar, pero quedar con garantías cando teñen que trasladar ás súas familias”.

 

 

Pola súa banda, o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, lembraba que “neste Concello tivemos un compromiso unánime dende o minuto un con este tema” e que como grupo político tamén se respaldaron as demandas do colectivo de nais e pais de diferentes xeitos, así como os seus actos reivindicativos. “A falta de pediatras en Valdeorras é discriminatoria e unha vulneración dos dereitos a atención sanitaria infantil”, dicía o edil, que concluía indicando que  “nós volveremos novamente a votar a favor a esta moción”.

No turno de réplica a edil do PP simplemente engadía que no caso de Valdeorras si existen incentivos para os especialistas “como son dos de prazas de difícil cobertura e incluso os trienios”.

Finalmente, na votación os tres grupos políticos da Corporación apoiaban a moción do BNG, que saía así adiante por unanimidade.

Fotos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button