
Cos votos dos nove concelleiros socialistas saía adiante a aprobación con carácter definitivo do proxecto de obras de construción do sendeiro e zona de esparcemento na marxe esquerda do río Sil (O Salgueiral), no Barco, coa relación concretada e individualizada dos bens e dereitos a expropiar e da necesidade de ocupación. Os cinco concelleiros do PP votaban en contra, mentres que o BNG abstíñase ao considerar que se xeraban dúbidas legais, entre outras cuestións, tendo en conta o informe desfavorable da secretaría do Concello.
O voceiro socialista, Aurentino Alonso, aseguraba que este proxecto empezaba no 2021 “e parece que chegamos ao final de todo o proceso administrativo antes de proceder a iniciar a obra. Quen vai licitar isto é a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), que é tamñen quen redactou o proxecto e quen o modificou en base a certas alegacións que se nos presentaron. Supón unha actuación en distintas apartados. Temos por unha banda a senda que vai dende o final da pasarela do Malecón que sobe río arriba ata o arroio Valado de Viloira e logo por alí tira ata entrar polo camiño baixo a igrexa. Polo que hai que proceder a esas expropiacións. Logo ten o tramo dende o arroio Valado para conectar co Campiño de Viloira e logo a pasarela actual que está bastante deteriorada, que vai recibir un novo pavimento, vaise dotar de nova iluminación e vaise repintar e a limpar co procedemento que plantexa o proxecto. Ademais hai unha banda, paralela ao río, dende a actual pasarela augas baixo, vaise a eliminar todas esas árbores que non son de ribeira e vanse substituír por árbores de ribeira. Na parte da senda vanse talar dez árbores e vanse substituír por 8 árbores novos que son de ribeira, e na zona do Salgueiral onde se vai eliminar 45 unidades de árbores, vanse a repoñer 76 novos. Toda a ribeira da marxe esquerda do río entre e a pasarela e cento e picos metros máis baixo, e logo vaise xerar un novo espazo de esparexemento para os veciños do Barco. Son 622.447 euros coa actualización de prezos que se fixo do proxecto”.

Alonso sinalaba que, “unha vez explicado o proxecto houbo unha serie de alegacións e só se estimaron as correspondentes á parte urbana afectada polo proxecto, e ao final esa parte urbana retirouse do propio proxecto e por iso agora o final desa senda remata no Camiño baixo a igrexa. E o que aprobamos é este proxecto xa modificado do mes de outubro e a relación concreta dos bens que se van a expropiar”.

Deseguido interviña o voceiro do grupo municipal do BNG, Manual Agra, quen comezaba asegurando que “todo o que rodea o proxecto da senda do Salgueiral a Viloira ten un carácter urxente ou extraordinario”, lembrando como no pleno do 6 de outubro de 2023 se retiraba da orde do día a delegación da facultade expropiatoria á Deputación de Ouense, “antes xa foran chegando as cartas expropiatorias que tamén se retiraron”; e como no pleno extraordinario do 23 de xaneiro de 2024, “que era o do sorteo das mesas electorais para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, ía na orde do día unha proposta de ditame. Votamos cun resumo por enriba do señor alcalde. Como non foi ao pleno de setembro, no apartado de rogos e preguntas preguntamos porque se incluíra por urxencia na comisión de obras previa”. E tamén como a aprobación deste proxecto da senda ía a unha comisión “extraordinaria de obras celebrada o luns 31 de marzo, cando normalmente as comisións son os martes”.
Así mesmo, Agra, cualificaba de “extraordinario o número de páxinas, documentos, informes, por iso, nós temos que prestarlles atención aos funcionarios que elaboran estes informes”. A partir de aí repasaba os informes xurídicos da Secretaría do Concello do Barco, alundindo, máis en concreto as dous últimos (de agosto de 2024 e de marzo de 2025), nos que se sinala que “procede informar desfavorablemente a continuidade deste expediente e deberase aceptar as alegacións e estimar os recursos de reposición por varias consideracións: o uso expropiatorio ten un “uso provisional” e a expropiación debe ter un uso permanente; habería que achegar informe da CHMS con carácter previo á aprobación do proxecto que declare que estas obras se axustan á normativa sectorial e habería que acreditar que a pasarela sobre a que se pretende actuar é titularidade municipal ou da CHMS.
Ademais, engadía o voceiro do BNG que nestes informes indícase que “o erro na redacción da notificación e da publicación “pode xerar indefensión” nos interesados no expediente expropiatorio, polo que “corresponde volver realizar o trámite de notificación ás persoas propietarias coñecidas e tamén a publicación substitutoria, para dar cumprimento ao acordo do pleno”. Refírese á redacción que di que só se aceptarán as alegacións para subsanar erros na relacións de bens a expropiar”.
E concluía Agra sinalando que “cremos moi necesaria unha senda peonil, pero polo exposto, por como foi levado o proceso, polos distintos informes negativos de Secretaría e as alegacións da veciñanza e de Amigos da Terra, cremos que o noso deber á absternos a este proxecto concreto senda”.

De maneira semellante se pronunciaba dende o PP o concelleiro Manuel Núñez. “Os veciños de Viloira puxeron en mans da alcaldía preto de 200 sinaturas que polo visto non serven para nada. A expropiación temporal duns terreos para facer unha senda verde, segundo os avogados din que iso non é moi legal. E segundo o expediente di que aí vai unha rúa que está figurando no PXOM que presuntamente habería que pedir o cambio desa rúa”. Para Núñez “a senda verde está feita, simplemente habería que limpala e acondicionala e non estamos de acordo que se faga unha expropiación para confederación cando a nós confederación non nos deixa nin pintar o estanque que hai na área recreativa do Salgueiral. Non sabemos ata que punto isto pode ser legal, por iso imos votar en contra”.
O voceiro socialista respostaba ao BNG afirmando que o seu concelleiro aludía a un informe do 2024 e que houbo “informes posteriores e vostedes puideron ver todo o expediente”, tamén citaba “o Informe da Asistencia Xurídica a Municipios da Deputación de Ourense, ao que vostede non fixo referencia. Di que as modificacións introducidas no proxecto tras a fase de exposición pública non supoñen unha modificación substancial do proxecto, non é necesario proceder a unha nova aprobación inicial e nova exposición ao público. E, a segunda, di que os usos da zona peonil e de esparexecemento da poboación das parcelas a expropiar situadas no PERI 15 son compabiles co PXOM”. Ao mesmo tempo falaba dun cuarto informe do arquitecto municipal.
Ademais diso, o alcalde, Alfredo García, engadía que hai un informe “no expediente da Dirección Xeral de Urbanismo, que tamén di que é compatible”. Con respecto ao informe da CHMS, o rexedor apuntaba que “nós non lle pedimos ningún informe á confederación cando fai unha obra, ela saberá o que fai. Non nos mandou ningún informe cando se realizou a obra do arroio de Veiga de Cabo, non llo imos pedir agora tampouco”. E explicaba que o Concello xa fixo obras na pasarela anteriormente e que “non hai indefensión porque o informe da técnica da Deputación considera que non é necesario volver a sacar a información pública o proxecto”.
Alfredo García insistía en que se vai facer “unha senda que teña mobilidade e que poida ser usada por todos os veciños do Barco e de Viloira. É certo que recibimos 200 sinaturas, pero non todas eran de Viloira, onde viven 600 persoas, polo tanto, o número non é tan grande. E non facemos unha expropiación para confederación, senón para os veciños do Barco e de Viloira. A senda vai ser municipal”. Concluía que “esta obra é imprescindible, beneficiosa para o conxunto da poboación e está feita con rigor xurídico” e asegurando que se inclúe no proxecto un peche cun custo de 40.000 euros para o peche das fincas.
Pola súa banda, Manuel Agra do BNG respostaba que o último informe de Secretaría do Concello “é do 20 de marzo de 2025 e nel faise referencia ao informe da Deputación e indícase que o informe emitido polo Servizo de Asistencia a Municipios da Deputación Provincial soamente se pronuncia sobre dúas consideracións: a primeira é se as modificacións introducidas no proxecto constitúen modificacións substanciais aos efectos de determinar a necesidade dunha nova exposición pública e a Deputación di que non. E o informe de secretaría coincide con iso, pero non coincide o informe de Secretaría polo sinalado polo Servizo de Asistencia con respecto á viabilidade a efectos de expropiación dos usos provisionais do solo urbano ou consolidado, di, de acordo co que “xa informei nos informes previos que emitín e que constan no expediente”. En referencia ao informe do 2024 que está vixente”.
Na votación o punto saía adiante cos 9 votos do PSdeG-PSOE, mentres que o PP votaba en contra e o BNG abstíñase.
Outros puntos do pleno
Neste pleno tamén saían adiante dous expedientes de modificación de orzamento do Concello, un mediante suplemento de crédito e outro mediante crédito extraordinario, que eran aprobados cos fotos a favor do PSdeG-PSOE e do BNG, mentres que o PP abstíñase. Ademais dabáselle luz verde a un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 24.325 euros, tamén cos votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG e coa abstención do PP. Por unanimidade era aprobada a declaración de especial interese nas oras de rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Viloira.
Na orde do día tamén figuraban dúas mocións do BNG, unha sobre o proxecto de construción da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e outra da Plataforma SOS Sanidade pública para solicitar o apoio á manifestación do vindeiro domingo 6 de abril a prol dunha sanidade pública e de calidade. Ambas eran aprobadas co apoio do PSdeG-PSOE edo BNG, mentres que o PP votaba en contra nos dous casos.
Fotos: O SIL.