ConcellosFolgoso de CaurelÚltima hora

Aprobado o proxecto de trazado para a restitución da vía LU-651 en Folgoso do Courel

Os traballos, que se acometerán por fases, inclúen a estabilización da ladeira afectada e a construción dun novo desvío que permita levar a cabo as actuacións

Plano da actuación aprobada no Consello da Xunta./ Fonte: Xunta de Galicia.

 

O Consello da Xunta acordaba na súa reunióno deste luns a aprobación do proxecto de trazado para a restitución da estrada LU-651 en Folgoso do Courel. Destinarase un investimento de 5,2 M € ás obras necesarias para a reposición desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 17+650 e 18+470, no treito afectado polo afundimento de varias galerías dunha explotación mineira e o derrubamento posterior da ladeira.

“A aprobación definitiva da actualización deste proxecto comporta tamén a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos 38 predios necesarios para executar esta intervención. Cómpre lembrar que tras o afundimento, a Xunta de Galicia executou unha actuación de emerxencia para habilitar un acceso provisional a Folgoso do Courel, en que investiu 1 M €, mentres avanzaba na definición da solución definitiva que foi aprobada hoxe. A actuación definitiva autorizada hoxe polo Executivo autonómico, que se executará por fases, inclúe un novo trazado que ocupará parte da zona derrubada, despois de estabilización da ladeira”, segundo a Xunta.

En concreto, o novo trazado realizarase a media ladeira, “pois permite reconstruír a estrada co máximo coidado ambiental, evitando a afección á Rede Natura, e reducindo o movemento de terras e as alturas dos desmontes, o que implica maior seguridade viaria. Deste xeito, para desenvolver esta intervención procederase á estabilización da ladeira afectada, mediante o recheo controlado dos ocos xerados e a retirada do material mobilizado”, tal e como informa a Xunta.

Posteriormente, construírase un novo desvío provisional, que discorrerá en planta aproximadamente coincidente co antigo trazado da LU-651, para poder canalizar o tráfico mentres se executan as obras. Este desvío proxéctase porque para determinados traballos o acceso provisional quedará inutilizado, ao realizárense nel movementos de terras. Finalmente, acometerase a construción da variante do novo trazado a media ladeira, de 820 metros de lonxitude, coas mesmas prestacións de que dispoñía a estrada existente.

Segundo o proxecto deseñado polo Departamento de Infraestruturas da Xunta tamén se levarán a cabo actuacións complementarias como a drenaxe, o sostemento de noiros, sistemas de auscultación ou traballos de restauración ambiental. Ademais, atendendo ás consideracións feitas respecto do trazado sometido a información pública, no proxecto construtivo definirase unha nova xeometría e ocupación do recheo de material sobrante do desprendemento e estabilización da ladeira, de xeito que o recheo se sitúa fóra do impacto sobre os restos mineiros inventariados, sen afección sobre eles, e servirá de zona de aparcadoiro para unha posible visita aos restos, tendo en conta a posibilidade de que estes sexan rehabilitados nun futuro.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas realizará a convocatoria dos actos expropiatorios no segundo semestre deste ano, para poder licitar posteriormente a execución das obras. O prazo de execución dos traballos é de 12 meses.

Back to top button