OurenseÚltima hora

Arden dúas casas habitadas en Ourense

 

Arredor das 15:30h. desta tarde de 11 de novembro declarábase un incendio que afectaba a dúas vivendas pareadas e habitadas na zona da Regata, cerca de Bamio (Ourense). “Decontado, desde o CIAE pasouse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Ourense, á Policía Local e tamén aos membros de Protección Civil da localidade”, tal e como se informa dende o 112 Galicia.

Unha vez no lugar dos feitos, os servizos de emerxencia procederon a atallar as lapas e confirmaron que unha persoa necesitou ser evacuada en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia, segundo o 112.

Despois dun arduo traballo por parte de Bombeiros e Policía Local, o incendio quedaba controlado ás 18:15 horas, segundo se informa dende o Concello de Ourense. Á zona achegáronse a concelleira de Seguridade, María Dibuja, e o concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride.

“Custoulles moito aos bombeiros atallar o lume porque todos os tellados e moitas das fiestras eran todas de madeira. Foi un traballo arduo por parte dos bombeiros e da Policía Local, que levan aquí toda a tarde traballando de maneira incansable”, explicaba a concelleira de Seguridade, que confirmaba que hai dúas familias afectadas. O Concello xestiona o seu aloxamento en hotel aos propietarios afectados e mañá poranse en contacto con elas os servizos sociais.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button