Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Arrincan as xornadas da XI Semana Cultural, divulgativas do Camiño por Ourense

O acto inaugural contou coa presenza da directora xeral de Patrimonio e co deán da Catedral de Santiago de Compostela

A sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) foi o escenario elixido para levar a cabo a XI Semana Cultural, que iniciou a súa programación na tarde do mércores 19 de outubro da man da Asociación Amigos da Vía da Plata. Contou coa participación da directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua que, xunto co alcalde da cidade, Jesús Vázquez, fixo visible o respaldo das administracións a esta iniciativa cultural que afonda no Camiño Mozárabe-Vía da Plata que pasaría pola cidade das Burgas e por gran parte da provincia camiño de Compostela.

Así, as xornadas adicadas á divulgación da riqueza do Camiño, ao seu paso por Ourense, xa comezaron tras o acto inaugural. O deán da Catedral de Santiago de Compostela, Segundo Pérez, foi o protagonista da primeira das conferencias. Prevista para as 20:30 horas, centrouse na peregrinación a Santiago ao longo de distintas épocas. Pero tamén comezaron outras actividades que se levarán a cabo paralelamente ás conferencias, como a exposición de fotografías do Camiño que atesoura a propia Asociación Amigos da Vía da Plata de Ourense. Así mesmo, tamén se mostran as obras que se presentan ao VIII concurso de fotografías, que será fallado o vindeiro venres 21.

Nas imaxes aparece o presidente da asociación organizadora, José Rodríguez Cid, e o vicepresidente da mesma, José Antonio Quintas, xunto coa directora xeral de Patrimonio e o alcalde de Ourense. Foron os encargados de inaugurar a programación da XI Semana Cultural da Vía da Plata. Entre os asistentes do público figuran tamén rostros coñecidos como a edil de Cultura, Belén Iglesias, e o subdelegado do goberno en Ourense, Roberto Castro. Esta primeira xornada tivo lugar no salón de actos da sede da CEO.

Fotos: Sara Fontenla.

Artigos relacionados

Back to top button