Non hai concurso que se lles resista aínda que a este téñenlle un cariño especial. Despois de destacar en todos os bailes no CND España celebrado en marzo en Ourense, volvendo para casa cunha manchea de medallas e o pase á fase nacional, as bailarinas da Academia de Danza Bayadère, volvían brillar sobre o escenario de Vigo Porté, o evento internacional de disciplinas de baile que esta fin de semana celebraba a 14º edición reunindo a máis de mil participantes de 25 centros.
Entre eles a academia que Nuria Reguera abría hai xa máis dunha década no Barco que participaba con nove bailes e volvía a Valdeorras con sete premios e moi boas sensacións, cansancio á parte.
O primeiro día, o vernes 1 de maio, foi o máis intenso “entramos no Atuditorio ás 8 e non saímos ata as 23 horas”, conta Nuria, explicando que facían seis bailes (dous pola mañá e catro pola tarde) e lograban catro medallas: 3º premio en clásico só, 2º premio en clásico dúo; 2º premio en flamenco; e 2º premio en moderno.
O sábado conseguían outros dous: 1º premio en folclore e 1º premio en urbano; e o domingo unicamente competía Candela que lograba o 2º premio en folclore só, aínda que segundo a profesora e resto de bailarinas, merecía o primeiro.
En total, dous primeiros, catro segundo e un terceiro premio nunha competición de alto nivel.


Fotos e vídeos cedidos.