En portadaÚltima hora

As “comparsas” do Entroido vianés volven percorrer as aldeas

O sábado 2 de marzo haberá ronda de comparsa, brindes e disputas en Pixeiros, Solveira e Caldesiños

 

Perdíanse hai décadas, pero neste Entroido volverán a percorrer varias aldeas vianesas. As comparsas son unha manifestación propia do Carnaval de Viana do Bolo que será recuperada este ano. Constituía case unha forma da vida para os seus integrantes, que durante o Entroido deixaban as súas casas e iniciaban unha viaxe duns doce días por diferentes localidades, levando a súa música, disputas e representacións.

Así o vindeiro sábado 2 de marzo haberá ronda de comparsa, brindes e disputas en tres localidades vianesas, xunto coa música do grupo folk Tómalle Outra. Ás 11h. os integrantes da comparsa (o director, a orquestra, a señorita, o pallaso e os vellos das esquilas) farán unha primeira actuación en Pixeiros. Despois, ás 13:30h., achegaranse ata Solveira.

Alí tamén terá lugar un xantar de Entroido na casa da escola, onde os membros da comparsa serán convidados pola Asociación de Veciños San Adrián de Solveira. Para os demais a entrada será de 7 euros no caso dos socios e de 12 euros para os que non o sexan. O menú incluirá callos, androllas, orella, bica e café. Despois, ás 17h., a comitiva visitará Caldesiños.

Esta actividade será organizada polo Grupo de Traballo de Recuperación do Entroido de Viana e polo Centro de Animación San Adrián de Solveira coa colaboración da Deputación e do grupo Tómalle Outra.

Back to top button