O próximo martes, 22 de abril, entre as 12h. e as 13:30h., chegará á Praza de Abastos do Barco a iniciativa “Mercado en rural con porco celta”, promovida polo Inorde e pola Asociación de Produtores de Porco Celta (Asoporcel) e que conta tamén coa colaboración de Cociña Ourense.
Esta actividade, aberta ao público en xeral, inclúe degustacións de elaboracións gastronómicas con este produto cárnico. No caso concreto do Barco correrán a cargo de Samuel Moreno, do Restaurante O Campanario de Luintra. E tres serán as degustacións que poderán probarse: empanadiña de grelos con carrillera guisada de porco celta e escuma de San Simón, papada de porco celta a baixa temperatura con caviar a e súa salsa e “cochinillo” de porco celta frito con parmentier trufada e verzas.