En portadaÚltima hora

As demandas da provincia en infraestruturas, no encontro Zona Franca de Vigo-Círculo de Empresarios de Galicia

A xornada, celebraba en Ourense, contaba coa intervención do presidente do Círculo, Manuel Rodríguez, a presidenta da CEO, Marisol Novoa, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones

 

A sede da Confederación Empresarial de Ourense acollía esta mañá o segundo dos encontros entre Zona Franca de Vigo e Círculo de Empresarios de Galicia celebraron esta mañá na Confederación Empresarial de Ourense (CEO). Estas xuntanzas empresariais polas principais cidades galegas teñen como finalidade a posta en común dos plans estratéxicos da ZFV co tecido empresarial, neste caso ourensán.

Co título Zona Franca de Vigo, obxectivos estratéxicos, o delegado do Estado do Consorcio da ZFV David Regades presentou, do mesmo xeito que fixo na Coruña o pasado 17 de xuño, os plans e programas desta institución pública “que traballa para potenciar o desenvolvemento económico galego, o comercio internacional, as infraestruturas e a cultura emprendedora”.
A xornada contou tamén coas intervencións da presidenta da CEO, Marisol Novoa, o presidente do Círculo, Manuel Rodríguez, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, e o delegado do Goberno en Galicia José Miñones.

O presidente do Círculo, Manuel Rodríguez, puxo en valor a colaboración con ZFV “impulsor desta xornada, que ten como obxectivo detectar as claves para o desenvolvemento económico e empresarial de Galicia, impulsando sinerxias”, nun marco de incerteza onde as fortalezas e a filosofía do Círculo como “espazo de colaboración e encontro deben ser referentes”. Pola súa banda, a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa expresou na súa benvida que “a nosa liña de traballo é común á das entidades hoxe reunidas, e por iso fago extensiva esta xornada a toda canta colaboración a CEO poida levar a cabo nun futuro na posta en marcha de iniciativas e sinerxias beneficiosas para o tecido empresarial galego”.

Igualmente, aproveitou a súa intervención para destacar as necesidades que a provincia segue tendo en materia de infraestruturas “vitais para a súa vertebración e desenvolvemento, como as autovías pendentes, ou a estación de mercadorías no polígono de San Cibrao das Viñas, para apostar polo tren como o transporte deste século”.

Tamén na necesidade de colaboración entre institucións e empresas fixo fincapé o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, “para crear un ecosistema que permita o desenvolvemento do tecido produtivo”. Así mesmo, destacou o valor de encontros como o de hoxe para “dialogar e coñecer desde as institucións as demandas que tedes os empresarios”, reiterando que “estamos ao servizo da cidadanía”.

Finalmente, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou aos presentes a “aproveitar a oportunidade histórica” dos Fondos de Recuperación e Resiliencia, con 1.665 millóns de euros para a comunidade, dos cales 907 son de transferencia directa á Xunta. “Contamos con investimentos moi importantes, con máis de 100 convocatorias en Galicia e 2.500 programas postos en marcha con 1.600 empresas beneficiadas”.

Tamén destacou a chegada do AVE a Ourense, “unha realidade hoxe e unha oportunidade de dinamización económica”, e avanzou investimentos do goberno central para o sector primario e vitivinícola da provincia, dentro do Proxecto Enotech 4.0.

Zona Franca: 520 millóns de activos, 8 millóns de m2 de chan e 20.000 empregos

Na súa exposición, o delegado do Estado do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, transmitiu aos presentes as fortalezas dunha institución que xestiona un volume de activos de 520 millóns de euros e un investimento próximo aos 50 millóns de euros no trienio 2019-2021.

Con máis de 8 millóns de metros cadrados de chan industrial, 705 empresas instaladas, 20.000 empregos e 45 novas compañías creadas en catro anos, Regades destacou a ZFV como o gran motor da área sur e, por extensión, de Galicia, polo seu apoio ao emprendemento con viveiros empresariais, aceleradoras e incubadoras de empresas, e proxectos de internacionalización de referencia como ViaExterior, unha aceleradora multisectorial con 81 empresas “aceleradas”.

Así mesmo, presentou o Informe Ardán, “un servizo de estudos da empresa galega que destaca as mellores prácticas desde hai máis de 25 anos”; accións con marca Área de Vigo, proxectos de futuro como o World Car Center, a Planta de produción de hidróxeno verde en Balaídos ou a participación no primeiro PERTE de España da automoción.

Precisamente, Regades sinalou que “a posta en marcha dos principais Perte (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) por parte do Goberno de España é un bo momento para recoller as inquietudes empresariais, ante o inicio dun novo momento económico e para permitir que os fondos europeos permitan consolidar a recuperación. Os datos de emprego e de actividade son bos e hai que seguir traballando para que se manteñan nesa liña”, explicou.

Mesa de diálogo con Elena Pérez Canal, Emilio Rial e Emilio Pérez Nieto

A xornada contou ademais cunha mesa de diálogo conducida polo delegado do Estado do Consorcio ZFV coa participación de Elena Pérez Canle, Export Manager USA & Canadá en Aceites Abril, o presidente de honra de Grupo Pérez Rumbao, Emilio Pérez Nieto e o director xeral de Grupo Coren, Emilio Rial.

Os intervintes reflexionaron ante o empresariado ourensán sobre os sectores estratéxicos da alimentación e automoción, a produción local, as novas tendencias de consumo, o valor da empresa familiar, os efectos da pandemia, o asociacionismo empresarial ou os fondos Next Generation; e abordaron problemas actuais como o despoboamento, a crise enerxética ou a situación do campo galego.

Emilio Rial, entre outros asuntos, explicou as repercusións que está a ter a guerra de Ucraína nunha empresa da natureza de Coren, que viu como o cereal para alimentar o gando case triplicou o seu prezo nalgúns casos e puxo o exemplo da tonelada de millo que antes se podía obter por 170 euros e hoxe en día está por encima dos 400. Ademais do prezo, outro problema é o abastecemento que, aínda que de momento estase garantindo con partidas procedentes doutros países como Arxentina e EEUU, planea a incerteza de en mans de quen quedará a entrada de mercadorías desde o Mar Negro, vía utilizada desde os países do leste. Rial tamén detallou a traxectoria exportadora do grupo, que está hoxe presente en máis de 50 países e destacou o mercado asiático como estratéxico sobre todo países como Corea do Sur, Indonesia ou Xapón.

Elena Pérez fixo un percorrido pola historia empresarial de Aceites Abril desde as súas orixes para falar de proxectos presentes como a recuperación dun produto tradicional galego por medio da plantación de oliveiras, que levan impulsando en Galicia desde fai dez anos. Pérez Canle lembrou que esta iniciativa aséntase en tres piares: o compromiso polo medio rural onde fixan poboación, o compromiso co produto de proximidade, e a función das propias oliveiras como devasa natural. Ademais, destacou o labor emprendido polo seu irmán José Manuel para a ampliación da que é a única refinería de aceite do noroeste peninsular.

Emilio Pérez Nieto lembrou -como protagonista que foi- as orixes do asociacionismo empresarial na provincia e evocou a figura de pioneiros como Gómez Franqueira, “un empresario que tiña a ambición de facer unha provincia diferente”. En canto aos cambios tecnolóxicos na automoción destacou que, ao seu xuízo, a transición é máis lenta que a que se está tentando facer e que, aínda que “é indispensable acomodarse ao ritmo dos tempos e a tecnoloxía”, a data de 2035 como fin da dependencia de combustibles fósiles considéraa precipitada.

Artigos relacionados

Back to top button