
Non era un punto que figurase na orde do día do pleno municipal do Barco deste 12 de decembro, pero ocupaban gran parte do debate desta sesión. No apartado de rogos e preguntas a oposición, tanto o BNG como o PP, preguntábanlle ao grupo de goberno socialista sobre as festas de fin de ano que se van celebrar neste Nadal no municipio, pedíndolle que concretase cal vai ser a colaboración municipal nelas e explicacións sobre como se tratou o asunto en comisión e pola falta de información ao respecto.
O primeiro en sacar o tema era o concelleiro do BNG, Manuel Agra, quen indicaba que na comisión de obras do 26 de novembro dicíase que, “en todo momento, se falou de que eran os veciños da comisión de festas do verán os que organizaban e que o Concello vai poñer a carpa e explanar, a realidade é que imos vendo que nos carteis anunciadores da festa de fin de ano non se fai alusión a que organicen veciños, nin a que colabore o Concello, aínda que explanou e vai poñer a carpa”.
O alcalde do Barco, Alfredo García, contestaba que “na comisión de obra falouse do que se sabía nese momento, a proposta da festa chegounos un día antes, eran uns rapaces do Barco, que fixeron dúas festas e que estaban animados, os que propuxeron isto, pero unha festa desta envargadura escapáselles a uns rapaces e tiñan que facer un investimento grande e, á hora de contratar e demais, recorreron a unha empresa que é a que ten capacidade para contratar. E aí quedou claro que o proxecto era interesante para darlle actividade ao Barco, iso foi todo”. Tamén explicaba que agora “vai haber tres festas, e a nós parécenos ben”.
Sobre ese mesmo tema insistía a concelleira nacionalista Noa Fernández, sinalando que “hai cousas que non me acaban de cadrar sobre a organización desta festa de fin de ano e si que me suscitan varias dúbidas” e preguntaba “que tipo de carpa vai alugar o Concello e “con respecto ás ganancias son para esas persoas particulares ou son para Vilanova, xa que esas persoas son de Vilanova”, e tamén preguntaba “por que esa festa non aparece reflectida no programa do Concello cando este colabora coa mesma”.
Neste caso era a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, a que respondía. “Non está no programa porque non está ningunha das tres festas que se van organizar ese día, o Concello colabora con esas tres festas no que cada un deles pediu, como calquera outra festa como pode ser a do casco vello. E con relación aos ingresos e as ganancias a ningunha veciñanza que organiza unha festa se lle pide que presente contas, eles se autoxestionan”. O alcalde engadía que con estas iniciativas “estamos dinamizando O Barco na noitevella, que nesta data estaba morto, non había nin para saír a cear e vimos que era unha oportunidade. O Concello ten que apoiar as iniciativas que chegan para ver se dinamizamos aqueles momentos que tiñan que ser de festa e que non o son”.
Noa Fernández retrucaba que “o Concello ten que dinamizar a actividade da vila, pero non a través de iniciativas privadas, o que debería facer é tomar el a iniciativa e reunirse cos diferentes empresarios de hostalaría e as asocacións empresariais constituídas e intentar promover algo conxuntamente con eles”. Con eses grupos, contestaba o alcalde, “estivemos reunidos, con tres que viñeron, e dixémoslles que se o ano que vén querían facer a festa, aceptábamos o reto, pero este ano, se hai alguén que ten unha idea boa e a presenta, pois, se funciona, seguramente que vai haber moitos noivos para este acto. O ano que vén vaina poder facer quen queira, xa veremos a ver cantos arriscan para facela”.
Tamén o PP preguntaba sobre este mesmo tema. O concelleiro Manuel Núñez plantexaba tamén unha serie de cuestións concretas “porque hai unha serie de cousas que non nos quedan claras”: “quen aporta as carpas? ¿hai ubicación xa para todas as festas? ¿hai plans de seguridade?”.
Margarida Pizcueta indicaba que “no caso de Viloira pedíronnos a praza, pero non a carpa, é unha festa que non ten entrada, entón xa lles indicamos que tiveran coidado co aforo, porque se se pasa de aforo poderían ter problemas sobre todo coa veciñanza. O que se lles pediu é que poñan persoal de seguridade que estea controlado. E no caso da outra festa, o máis probable é que haxa un cambio de ubicación e que se faga no campo da festa”. Con respecto aos plans de seguridade, “polo aforo, non son necesarios”, dicía o alcalde.