EconomíaEconomíaÚltima hora

As infraestruturas viarias e ferroviarias, abordadas no “Foro Ancares. Os Retos do Noroeste”, en Ponferrada

O encontro contaba coa participación dos presidentes das comunidades autónomas de Galicia e de Castela e León

 

O corredor atlántico ferroviario, a alta velocidade, a autovía A-76 Ourense-Ponferrada ou a situación do viaduto do Castro na conexión pola A-6. Eran algúns dos asuntos e retos en materia de infraestruturas que se analizaban no “Foro Ancares. Os Retos do Noroeste”, que se desenvolvía esta mañá no castelo dos Templarios en Ponferrada (León), coa presenza dos presidentes das comunidades autónomas de Galicia e de Castela e León, Alfonso Rueda Valenzuela e Alfonso Fernández Mañueco, respectivamente.

O encontro, organizado polos xornais El Progreso de Lugo e Diario de León, abríase coa intervención do alcalde de Ponferrada, Marco Antonio Morala, quen daba á benvida aos asistentes e agradecía que se tivese escollido esta cidade para desenvolver esta xornada. Aludía ademais aos desafíos tanto tecnolóxicos como doutro tipo que ten por diante a sociedade actual, sen “desatender sectores tradicionais como o agroalimentario. O obxectivo é crear oportunidades de futuro para a mocidade”. E entendía este foro como “unha reflexión imprescindible para xerar sinerxías e estar en sintonía coas demandas cidadás”.

 

Cedida.

 

Deseguido tomaba a palabra o subdirector xeral do Banco Sabadell, quen apuntaba tamén outros retos como o do envellecemento e o da despoboación, que xunto con outros, deben “afrontarse con tres ingredientes: o rigor na análise, a xestión eficiente dos recursos públicos e a valentía política para facer fronte aos cambios que son necesarios”. E entendía este foro como un “gran de area para pensar no futuro das novas xeracións que queiran quedarse a vivir aquí”.

 

 

Despois dábase paso un diálogo-debate entre o presidente da Xunta e o seu homólogo en Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, sobre cuestións vinculadas ao noroeste como o financiamento autonómico, a demografía, o estado das infraestruturas, a industrialización ou o turismo.

Así Fernández Mañueco incidía na conexión entre León e Lugo, a través da A-6, e o que supón que dende hai dous anos e medio estea cortado o viaduto co Castro, e tamén na importancia de conectar Ponferrada e a provincia de Ourense, a través de Valdeorras, mediante a futura autovía A-76. “Déronse os primeiros pasos, esperemos que sexan unha realidade definitiva para dotar a esa autovía. E tamén aludía ao corredor atlántico, “o Goberno de España ten que mirar cara todos os lugares deste país, non pode haber unha España de dúas veloclidades, e tamén mirar cara o interior das comunidades autónomas e das provincias”. Insistía ademais en que “é imprescindible que se aposta con seriedade polo muro do Manzanal, que comunica Galicia con Castela e León e igualmente a Ruta da Prata, que conecta todo o oeste da nosa nación”.

 

 

Pola súa banda, Rueda recordaba que tanto a dispersión como o envellecemento supoñen un sobrecusto que cifrou en arredor de 500 millóns de euros “para prestación de servizos básicos de obrigado cumprimento” e que ten que ser compensado. Avogou así mesmo por que o novo modelo se acorde nun marco multilateral e partindo dunha situación de igualdade entre as comunidades autónomas. Así, sinalou, “o modelo de financiamento ten que seguir garantindo unha solidariedade básica” e que “sigamos tendo o financiamento para seguir prestando un servizos que sexan iguais en toda España”.

Tamén se refería ao reto demográfico, unha das cuestións directamente relacionada co financiamento, e que afecta a Galicia e Castela e León, así como a un gran número de rexións españolas e europeas.

Fotos: O SIL.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button